O Gerês acolleunos nun día de sol, nun día verdadeiramente primaveral. O primeiro en recibirnos nada máis chegar a Castro Laboreiro foi un mastín, o mastín de Castro Laboreiro, co seu mirar afable dounos a benvida (os portugueses sonche moi hospitalarios), e despois de saborear un pingo partimos cara o castelo, a subida foi nun abrir e pechar de ollos, os rapaces tiñan coma meta o cumio, inda que eu e Juanjo retrasámonos un pouquiño, as metas estaban cada tres pasos que dábamos, había moitas plantiñas en flor: Phalacrocarpum oppositifolium, Erica arborea, Lithodora prostata, Narcissus triandrus, Narcissus bulboccodium, Pterospartum tridentatum, Quercus pyrenaica ......... Dende o castelo puidemos observar os bolos graníticos dos montes do arredor e o chan degradado e totalmente espido, froito dos incendios que ano tras ano arrasaron esta zona.
Despois do relax da comida, esperábanos unha ruta pola mata da Albergaría, as plantas tiñan os gromos a rebentar ou xa no seu esplendor e foi realmente agradable ir parando en cada unha delas, observándoas e fixándose neses pequenos detalles de xeito pausado, esta é unha zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea, polo que atopamos bastante diversidade. Agora os rezagados eramos tres, pois Carlos, atento ao que íamos vendo buscaba a fórmula para aprenderse o nome das especies sen esquecelas. A auga cristalina e fresca do río Limia e dos regatos aparecía e desaparecía no percorrido, na solana do monte as alvarizas lembrábanos o importante que é aquí o mel, descubrimos especies alóctonas e moitas cousas máis. Viñemos máis doutos e máis distendidos, pagou a pena. O regreso á casa fixose curto conversando con Paula.
Información do parque aqui
No hay comentarios:
Publicar un comentario