30 abr 2010

LISTAS SEAGA

No Seaga xa se abriu o prazo para seleccionar persoal temporal, para os que xa teñades o título podedes optar polas categorías de capataz e xefe de brigada.

Saíu no DOG do 28 de abril do 2010, o seguinte anuncio:
Anuncio do 27 de abril de 2010 polo que se fai pública a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a incorporación ás listas previas de persoal temporal da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), nas categorías profesionais de enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico forestal, enxeñeiro técnico agrícola, capataz, xefe de brigada, peón especialista, peón, oficial administrativo e auxiliar administrativo.

Para máis información, na páxina web de Seaga www.epseaga.com

28 abr 2010

VISITA AO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

O Gerês acolleunos nun día de sol, nun día verdadeiramente primaveral. O primeiro en recibirnos nada máis chegar a Castro Laboreiro foi un mastín, o mastín de Castro Laboreiro, co seu mirar afable dounos a benvida (os portugueses sonche moi hospitalarios), e despois de saborear un pingo partimos cara o castelo, a subida foi nun abrir e pechar de ollos, os rapaces tiñan coma meta o cumio, inda que eu e Juanjo retrasámonos un pouquiño, as metas estaban cada tres pasos que dábamos, había moitas plantiñas en flor: Phalacrocarpum oppositifolium, Erica arborea, Lithodora prostata, Narcissus triandrus, Narcissus bulboccodium, Pterospartum tridentatum, Quercus pyrenaica ......... Dende o castelo puidemos observar os bolos graníticos dos montes do arredor e o chan degradado e totalmente espido, froito dos incendios que ano tras ano arrasaron esta zona.

De Castro Leboreiro partimos cara Lobios, sede e centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, polo camiño Tito, gran coñecedor destas terras, íanos contando historias da raia seca e facéndonos partícipes de cada recuncho que el tan ben coñece. Xa en Lobios recibiunos un axente forestal que explicou de xeito moi ameno o quefacer diario dos axentes forestais no parque, as relacións que manteñen cos poboadores desta zona e as colaboracións que realizan co Parque Nacional da Peneda-Gerês (o parque portugués e o galego forman un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa).
O xantar fixémolo nas augas termais do río Caldo. Iso si que é vida!!

Despois do relax da comida, esperábanos unha ruta pola mata da Albergaría, as plantas tiñan os gromos a rebentar ou xa no seu esplendor e foi realmente agradable ir parando en cada unha delas, observándoas e fixándose neses pequenos detalles de xeito pausado, esta é unha zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea, polo que atopamos bastante diversidade. Agora os rezagados eramos tres, pois Carlos, atento ao que íamos vendo buscaba a fórmula para aprenderse o nome das especies sen esquecelas. A auga cristalina e fresca do río Limia e dos regatos aparecía e desaparecía no percorrido, na solana do monte as alvarizas lembrábanos o importante que é aquí o mel, descubrimos especies alóctonas e moitas cousas máis. Viñemos máis doutos e máis distendidos, pagou a pena. O regreso á casa fixose curto conversando con Paula.


Información do parque aqui

23 abr 2010

HORA DE LER

Hoxe no centro empezou a dedicarse unha hora de lectura á semana nos cursos de ESO. Son eses intentos que facemos os profes por fomentar a lectura, para que gocedes dos momentos de lecer fronte un libro e por un tempo nos traslademos a outro lugar, outro pensamento,......e nos fagan reflexionar. En ciclos, non temos hora de ler fixa a semana; pero por iso non imos deixar de ler. Non é así?

"Oak, vivencias de un agente forestal"
é un libro moi entretido e lese de camiño, pois engancha. Trátase das vivencias dun axente forestal, coñecido polo pseudónimo de Oak (Quercus robur en inglés) na provincia de Cáceres. Son relatos curtos onde nos conta anécdotas reais da súa profesión, algunhas son ata surrealistas, outras cómicas, outras dramáticas; pero todas emocionantes e co telón de fondo da natureza.

Este libro o podes atopar na Biblioteca (que dende o temporal o préstamo funciona no salón de actos). Ídesvos pelexar por el!!!!!!

21 abr 2010

ADIVIÑA esta ESPECIE

Xa podedes ir á páxina web a descargar as especies para produción de madeira que faltaban. Podes ir máis rápido por aquí.

Esta semana pode que alguén estea de sorte, pois o primeiro que adiviñe de que especie se trata o libero de unha pregunta na próxima proba sobre especies frondosas. A que el elixa!!!!!


Tic-tac, tic-tac,.....o tempo empeza a contar XA! e tedes de prazo ata o venres día 23 de abril.
Só conta as respostas feitas nos comentarios do blog, pois así non temos dúbidas de datas nin de horas.
Estou pensando que me pode sair unha proba moi difíííííííííííícil................................

14 abr 2010

RÍO FURNIA

O outro día Carlos comentou que o Furnia estaba catalogado coma o río máis limpo de Galicia, pois é certo, segundo estudos e análise feitos pola Universidade de Vigo e publicado no xornal
faro de Vigo.
Ademais creouse o Comité de Defensa do Río da Furnia, ante a inminente obra de instalación dunha minidepuradora.
O Furnia que pasaba ignorado pola xente allea ao concello de Tomiño ten agora unha placa na estrada Tui-A Guarda (Amorín) coa indicación da súa localización e conta cunha aula de natureza, ademais dun sendeiro con paneis informativos da flora da zona.
Xa temos outro lugar moi pretiño para gozar, cos seus muíños, coa súa flora, coa súa auga, co seu silencio,......