18 jun 2010

CONSECUENCIAS DA DEFORESTACIÓN DOS BOSQUES

Non chegamos a isto; pero a este paso todo se andará, por un lado a tala indiscriminada e por outro a queima ano tras ano dos nosos bosques, así acabaremos por deforestar os escasos bosques que van quedando.

A Selva Amazónica, o pulmón verde como se "chamaba", tamén sofre as consecuencias da deforestación coa súa teima de aumentar a produción agrícola arrasan os bosques, quedando desprotexidos e ao mercé da erosión.

Nós para evitar que iso ocorra, por cada árbore que se tale en aproveitamentos forestais, plantaremos dúas.

15 jun 2010

PARA LER NO VERÁN

Aínda que os títulos xa volos din na aula, era para lembrarvos que son libros moi recomendables para ler no verán. Axudan a entender o por qué do cambio da natureza galega en poucos anos.

"As bioinvasións na Galiza" de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández, fala das especies que colonizaron a Galiza e as consecuencias negativas que supoñen no ecosistema galego.
"Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza" de Xurxo Pérez Pintos, fala do deterioro da natureza galega debido a políticas depredadoras e estratexias que antepoñen valores e réditos económicos ante o noso ecosistema.

Pensaredes que son libros pesimistas, en realidade o son; pero é o xeito de darlle unha explicación ás agresións que vemos nos montes galegos e poder actuar aínda que só sexa a nivel particular. Cada libro custa arredor dos 10 €.

Claro que esa realidade a tedes que coñecer pateando moito monte e en distintos lugares de Galicia, e iso tamén se pode facer no verán.

2 jun 2010

PINO MANSO de AREAS

O enxeñeiro forestal Rafael Areses publicou no 1918 a “Relación das árbores notables existentes na provincia de Pontevedra”, sete foron as árbores que compuxeron esa selección: tres Sobreiras, a de Ascensión (Salceda de Caselas), de Gallobre e de Arnois (as dúas na Estrada). Dous Carballos o de Santa Margarida (Pontevedra) e de Matalobos (a Estrada). O Loureiro de Soutomaior. E o Pino manso de Areas (Tomiño).

O Pino manso de Areas desapareceu por razóns incomprensibles, a pesar de ser unha das árbores máis sobresaíntes de Galicia. Tratábase dun exemplar de propiedade particular; pero Areses logrou que fose adquirido polo Estado, para salvalo dunha corta segura. A pesar de todo non conseguiu evitar a súa desaparición.


No traballo sobre os mellores exemplares de árbores galegas: “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia”, cunha recompilación de 344 exemplares, realizado polos profesores Carlos Rodríguez Dacal e Xesús Izco pon de manifesto a necesidade e importancia da conservación deste patrimonio natural e nalgúns casos ata histórico, para evitar a súa perda ou deterioro, como pasou co Pino manso, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

No 2007 publicouse o DECRETO 67/2007, do CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, no que se establecen as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección e ademais regulan o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

Para recrear a vista déixovos con este enlace de: Superárbores do mundo