9 dic 2010

ITINERARIOS ECOLÓXICOS do CUVI (II)

O ano pasado fumos visitar os Itinerarios ecolóxicos do Cuvi, podes ver a saída aquí.

Este ano repetimos a saída dos itinerarios, aínda que tivemos mellor tempo, o tempo non dou para moito. Podes completar a visita con esta guía da natureza que ofrece a Oficina da Medio Ambiente da Universidade de Vigo.

28 nov 2010

XESTIÓN DUN BOSQUE FILANDÉS

UPM, é unha empresa Filandesa que se dedica á fabricación de papel, entre outras cousas. Esta é unha presentación que se atopa na súa páxina: XESTIÓN dun BOSQUE FILANDÉS, aínda que non ven en español é interesante que lle votedes un ollada, pois é moi visual.


25 nov 2010

RÍO FURNIA (II)

Preséntovos a aula de natureza aberta do río Furnia, que foi inagurada o ano pasado coma xa vimos neste blog, a verdade está moi ben, é recomendable. Queda aí ao ladiño e ten, coma podedes ver nas seguintes fotos, comentarios interesantes sobre as plantas. O paseo polo río é do máis relaxante.

19 nov 2010

TROFEOS nos ARREDORES de TOMIÑO

Os de primeiro anda a buscar polos arredores trofeos e aquí estan con exemplares de Boletus edulis, Amanita muscaria e Lactarius deliciossus

Tamén atoparon o que creo que pode ser a flor dunha Musa. Agradeceríamos que alguén aportara máis datos, sobre se é ou non iso o que colleron.

Interesante o entorno que temos.

16 nov 2010

PINTADO de CONTEDORES de RECICLAXE

Nos contedores do taller nunca se acertaba a tirar o lixo seleccionado para a súa posterior reciclaxe. Agora pintáronse, para que así, non haxa que pensar moito e vaian ao lugar axeitado:

AMARELO: envases de plástico e metal
AZUL: cartón e papel SEN graxa
VERDE: restos orgánicos

Os envases de plástico ou metal de produtos fitosanitarios, de aceites para maquinaria ou de pintura non se deposita en ningún destes contedores.

As superficies de plástico, teñen unha pequena dificultade á hora de pintalas correctamente, isto débese a que se trata dun material non poroso.

Unha boa maneira de conseguir un bo acabado consiste en limpar ben a superficie e darlle un lixado suave, para que agarre mellor a imprimación.

Aplicamos a capa de imprimación en toda a superficie que imos pintar, hai que deixar unha distancia moderada entre a pistola e a superficie a pintar, uns 50 cm, pódese probar antes cun cartón e non facelo moi preto da superficie a pintar xa que senón saen goteróns e queda moi feo.

Unha vez seca a imprimación, pasamos a pintar moi amodo e de lonxe. Para que quede ben pintado debe aplicarse mais dunha capa. Deixalo secar e xa está listo.

11 nov 2010

ADIVIÑANZA

Esta é a primeira adiviñanza deste curso. Imos empezar por unha fácil, fixádevos ben na flor pertence a unha familia de plantas moi coñecida e moi común.

Esta planta empregase en cosmética para hidratar e suavizar a pel e ademais ten propiedades medicinais e homeopáticas.

Na Universidade de Santiago están facendo un proxecto sobre o cultivo desta planta para evitar a explotación das poboacións naturais existentes en Galicia.

E xa non digo máis, que se non volo digo todo. Por certo, a persoa que o adiviñe ten recompensa.

8 nov 2010

VÍDEO ROZADORA

As rozadoras son máquinas moi empregadas nas rozas selectivas e naqueles lugares que son de difícil acceso para as rozadoras accionadas polo tractor.

Aquí tedes o vídeo sobre a desbrozadora que vimos na aula.

TEIXEDAL de CASAIO

O TEIXEDAL de CASAIO, esta na provincia de Ourense, preto do Barco de Valdeorras (Carballeda de Valdeorras) perdido e case ancorado no pasado, de feito é un bosque relicto da época terciaria.

No teixedal atópanse uns catrocentos pés de Teixo(Taxus baccata), de case 500 anos de idade, xunto con outras especies de Rebolos, Acivros, Freixos, Ameneiros, Capudres,... en poucos sitios de Europa podemos atopar algo semellante; sen embargo non ten as suficientes figuras de protección. Só mencionan Pena Trevinca coma ZEPVN, podemos supoñer que entra no paquete o Teixedal; pero evitan nomealo, só pola súa singularidade podería ser Monumento natural, tesouro coma este non é fácil de atopar. Será, por casualidade que están as minas de lousa xa moi preto del?

O Teixedal de Casaio está ameazado, a pesares de estar nun recuncho case perdido, as canteiras de lousa vótanse enrriba del, é deprimente sentir tanta beleza rodeada do cascallo das canteiras.
A lousa empregase, principalmente, como material para cubrir os teitos das casas, é unha rocha de gran moi fino e cor negro azulado. O que non se pode permitir é esta explotación salvaxe e facer un dano que sería irreparable.

A película Pradolongo, que moitos de vós xa coñeceredes, fala entre outras cousas da problemática das canteiras.A planta do Teixo é tóxica e segundo conta algúns historiadores, os galaicos ante a invasión das tropas romanas e para evitar renderse preferiron suicidarse colectivamente no monte Medulio engulindo o veleno extraído do teixo.

3 nov 2010

RECOLECCIÓN e EXPOSICIÓN de COGOMELOS

Despois duns días de choiva escampou e non podemos ter un día mellor que este. Os piñeirais e as brañas de Pinzás ofreceron o resto.

...e coma tódolos anos J.Luis Pérez Roman tróuxonos cogomelos de Celanova. Aquí tedes a exposición:

Os de 1º estan co cultivo de Pleurotus ostreatus, que xa comentamos neste mesmo blog o ano pasado. Para velo pincha aquí.

21 oct 2010

O HOME QUE PLANTABA ÁRBORES

Aínda que facía tempo que lera este conto, tiñao esquecido na memoria e unha amiga lembroumo. O home que plantaba árbores é un conto escrito polo francés Jean Giono no 1953. Trátase dunha fermosa historia sobre o coidado do medio ambiente e sobre como un só home pode lograr cambiar, con moito traballo e moita paciencia, toda unha paixase.

Aquí podedes ler o conto e algo sobre a orixe do mesmo.

19 oct 2010

MONTE ALOIA

É a primeira saída deste curso e penso que gustou. A verdade é que tivemos un tempo estupendo e no monte Aloia sempre somos ben recibidos, o cal agradécese. Ademais tivemos un colega do CIFP A Granxa, Marcos, que aportou os seus coñecementos á saída.

Sorprendeume gratamente que os de primeiro xa recoñecían e rumoreaban nomes científicos de plantas, fentos e cogomelos. As fotos non son moi boas; pero valen para darnos unha idea.

18 oct 2010

VIVIR PARA VER

A Xunta de Galicia cambiou un catálogo de árbores xa impreso, por estar prologado por un alto cargo do bipartito.

Fonte da nova eiqui

O peor de todo isto xa non é o despilfarro de cartos senón as árbores taladas que irán parar ao lixo, porque tres verbas con un nome e dous apelidos non son os axeitados.

e para recrear a vista:

3 oct 2010

I CONCURSO de FOTOGRAFÍA DIXITAL MADEIRA XUSTA

A campaña Madeira Xusta puxo en marcha o "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA", no que a súa temática xeral son os bosques e o sector da madeira, e en particular aspectos relacionados co desenvolvemento sostible, a biodiversidade ou o impacto ambiental. Os participantes, profesionais ou afeccionados á fotografía, poderán presentar os seus traballos ata o próximo 20 de outubro.

Os participantes poderán presentar ata un máximo de tres imaxes, en cor ou branco e negro, en formato dixital JPG, cunha resolución mínima de 300pp e un peso máximo por arquivo de 3MB. As fotografías deberán enviarse exclusivamente por correo electrónico á dirección info@maderajusta.org indicando no asunto "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA".

As obras seleccionadas serán expostas o próximo mes de novembro en Biocultura 2010, a feira nacional máis importante de produtos ecolóxicos e consumo responsable. Ademais, o autor da mellor fotografía recibirá como premio unha cesta con derivados forestais con certificado FSC e de Comercio Xusto.

Bases completas eiqui

2 oct 2010

FRAGAS DO EUME

Os de 1º do ano pasado, se curraron a venda de planta que produciron e con eses cartiños se pasaron dous días nas fragas do Eume. Cónstame que o pasaron moi ben pois as anécdotas da saída son moitas (por certo xa me explicaron de primeira man o da serpe con as), ademais de gozar dun parque natural descoñecido para a xente do Sur.

Juanjo envioume as fotos que fixo da saída e aí as tedes para lembrar. Os deste ano tamén o podedes conseguir, só o tedes que traballar.

Para saber máis das fragas do Eume:
www.viveaonatural.xunta.es
http://gl.wikipedia.org/wiki/Fragas_do_Eume
www.eumeturismo.org
Fragas do Eume kaiak

16 sept 2010

PRESENTACIÓN CURSO

A presentación do curso deste ano ao final queda para o día 24 de setembro de 11 a 12 horas.

9 sept 2010

INICIO CURSO 2010-2011
















O verán xa está a piques de rematar, de feito o inicio do curso está previsto preto do Equinoccio de outono. O día 21 de setembro voltamos ás aulas. Supoño que estaredes con moitas gañas de traballar, de estudar, de comentar as vosas experiencias do verán e por suposto de empezar o curso con moita enerxía, dentro de pouco xa estaremos ás voltas cos cogomelos e saboreando o outono.

Estade de tódolos xeitos atentos, pois sempre pode haber cambios de última hora.

14 ago 2010

DÚAS PERSOAS VALENTES

Hoxe estamos de loito, Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo González, dúas persoas valentes, deixaron as súas vidas defendendo o noso monte e defendendo a vida e propiedades de persoas.
Seguimos tendo persoas valentes que fan feitos heroicos; pero tamén segue a haber covardes que se dedican a incendiar o monte e agocharse,... eses non dan a cara.
Para os valentes e os familiares deles as miñas condolencias, estades no noso corazón.

11 ago 2010

PEDRAS

Todas teñen vida, están aí, vendo pasar o tempo, parecen quedas e inmóbiles; pero senten o noso paso e nós sentimos que nos observan, que estamos ligados a elas, teñen algo especial....
Como dixo Jose Curt, no seu libro, Más allá de la corredoira: "hay cosas que nunca lograremos entender, quizás porque somos duros como las rocas"

18 jun 2010

CONSECUENCIAS DA DEFORESTACIÓN DOS BOSQUES

Non chegamos a isto; pero a este paso todo se andará, por un lado a tala indiscriminada e por outro a queima ano tras ano dos nosos bosques, así acabaremos por deforestar os escasos bosques que van quedando.

A Selva Amazónica, o pulmón verde como se "chamaba", tamén sofre as consecuencias da deforestación coa súa teima de aumentar a produción agrícola arrasan os bosques, quedando desprotexidos e ao mercé da erosión.

Nós para evitar que iso ocorra, por cada árbore que se tale en aproveitamentos forestais, plantaremos dúas.

15 jun 2010

PARA LER NO VERÁN

Aínda que os títulos xa volos din na aula, era para lembrarvos que son libros moi recomendables para ler no verán. Axudan a entender o por qué do cambio da natureza galega en poucos anos.

"As bioinvasións na Galiza" de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández, fala das especies que colonizaron a Galiza e as consecuencias negativas que supoñen no ecosistema galego.
"Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza" de Xurxo Pérez Pintos, fala do deterioro da natureza galega debido a políticas depredadoras e estratexias que antepoñen valores e réditos económicos ante o noso ecosistema.

Pensaredes que son libros pesimistas, en realidade o son; pero é o xeito de darlle unha explicación ás agresións que vemos nos montes galegos e poder actuar aínda que só sexa a nivel particular. Cada libro custa arredor dos 10 €.

Claro que esa realidade a tedes que coñecer pateando moito monte e en distintos lugares de Galicia, e iso tamén se pode facer no verán.

2 jun 2010

PINO MANSO de AREAS

O enxeñeiro forestal Rafael Areses publicou no 1918 a “Relación das árbores notables existentes na provincia de Pontevedra”, sete foron as árbores que compuxeron esa selección: tres Sobreiras, a de Ascensión (Salceda de Caselas), de Gallobre e de Arnois (as dúas na Estrada). Dous Carballos o de Santa Margarida (Pontevedra) e de Matalobos (a Estrada). O Loureiro de Soutomaior. E o Pino manso de Areas (Tomiño).

O Pino manso de Areas desapareceu por razóns incomprensibles, a pesar de ser unha das árbores máis sobresaíntes de Galicia. Tratábase dun exemplar de propiedade particular; pero Areses logrou que fose adquirido polo Estado, para salvalo dunha corta segura. A pesar de todo non conseguiu evitar a súa desaparición.


No traballo sobre os mellores exemplares de árbores galegas: “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia”, cunha recompilación de 344 exemplares, realizado polos profesores Carlos Rodríguez Dacal e Xesús Izco pon de manifesto a necesidade e importancia da conservación deste patrimonio natural e nalgúns casos ata histórico, para evitar a súa perda ou deterioro, como pasou co Pino manso, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

No 2007 publicouse o DECRETO 67/2007, do CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, no que se establecen as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección e ademais regulan o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

Para recrear a vista déixovos con este enlace de: Superárbores do mundo

27 may 2010

CHUVASQUEIRO FEITO de PATACA

Para non mollarnos, coma pasou outro día no CUVI, agora xa podemos mercar un chuvasqueiro feito cun bioplástico de fécula de pataca, 100% biodegradable.

O curioso deste chuvasqueiro é que leva incorporadas sementes da flora mediterránea, entón unha vez que remata a súa vida útil ou se te esqueces del no monte esas sementes chegarían a xerminar, xa que están dentro dunha boliña de “Nendo Dango” técnica do “revolucionario de la brizna de paja” de Masanobu Fukuoka, que levan as sementes nunhas boliñas de arxila e ademais levan nutrientes e as protexen de ser comidas polos paxaros antes de xermolar.

Este invento, da consultora verde G4E!, que se adican ao ecodeseño, fabrica os chuvasqueiros en Ourense e presentou este proxecto nunha Feira Internacional de China da pequena e mediana Empresa (Cismef). O prezo é un pouco caro, 15 €, pero con elo estas contribuíndo a conservar a natureza.

Nova atopada por Puri.

24 may 2010

VISITA aos ITINERARIOS ECOLÓXICOS do CUVI

Desta vez non fixo tan bo tempo e algúns pasaron frío e se mollaron; pero iso non foi culpa dos profes que avisamos de tódolos xeitos: que se chuvasqueiro, que se paraugas, que se botas de monte, que....ao final eu penso que o que queredes é endurecer o corpo para cando sexades forestais.

Así é todo, a visita foi moi proveitosa, paseamos por distintos hábitats: mato, devesa, carballeira, sobreiral, acuático e de ribeira e puidemos observar a flora característica de cada hábitat.


Vexetación de mato: Erica umbellata, Halimium alyssoides, Ulex europaeus, Ulex minor...
Devesa(bosques naturais da montaña de Galicia): Betula alba, Sorbus aucuparia...
Carballeira: Quercus robur, Betula alba, Pyrus cordata, Crataegus monogyna...
Sobreiral: Quercus suber, Arbutus unedo...
Ribeira: Alnus glutinosa, Fraxinus excelsior, Corylus avellana, Salix atrocinerea...

Quen me pode dicir en que foto está a Andoriña?

LISTAXE PROVISIONAL SEAGA

Xa saíron as listas provisionais de admitidos e excluídos do Seaga, a algúns xa vós vin por aí.

Estas son as listas dos capataces
Estas son as listas dos xefes de brigada
Estas son as listas dos Peóns especializados
Estas son as listas de peón

As reclamacións rematan o día 26 de maio.

18 may 2010

AÍ VEN O MAIO

Estes días róldame pola testa o tema que popularizou Luís Emilio Batallán "ahí ven o maio" a partir dunha poesía de Curros Enríque.

11 may 2010

LEMBRANZAS

O alumnado de forestais xa tivo a súa andaina na rede, a promoción 2004-2006, deixou a súa pegada neste video.


Todos andan a buscarse a vida, uns traballando, outros continuan estudando, outros preparando oposicións,....a todos moita sorte.

Tamén quero dar a miña NORABOA a Jose Antonio Vallejo, alumno que rematou este ano e acaba de aprobar a proba de acceso ao Ciclo Superior.

30 abr 2010

LISTAS SEAGA

No Seaga xa se abriu o prazo para seleccionar persoal temporal, para os que xa teñades o título podedes optar polas categorías de capataz e xefe de brigada.

Saíu no DOG do 28 de abril do 2010, o seguinte anuncio:
Anuncio do 27 de abril de 2010 polo que se fai pública a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a incorporación ás listas previas de persoal temporal da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), nas categorías profesionais de enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico forestal, enxeñeiro técnico agrícola, capataz, xefe de brigada, peón especialista, peón, oficial administrativo e auxiliar administrativo.

Para máis información, na páxina web de Seaga www.epseaga.com

28 abr 2010

VISITA AO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

O Gerês acolleunos nun día de sol, nun día verdadeiramente primaveral. O primeiro en recibirnos nada máis chegar a Castro Laboreiro foi un mastín, o mastín de Castro Laboreiro, co seu mirar afable dounos a benvida (os portugueses sonche moi hospitalarios), e despois de saborear un pingo partimos cara o castelo, a subida foi nun abrir e pechar de ollos, os rapaces tiñan coma meta o cumio, inda que eu e Juanjo retrasámonos un pouquiño, as metas estaban cada tres pasos que dábamos, había moitas plantiñas en flor: Phalacrocarpum oppositifolium, Erica arborea, Lithodora prostata, Narcissus triandrus, Narcissus bulboccodium, Pterospartum tridentatum, Quercus pyrenaica ......... Dende o castelo puidemos observar os bolos graníticos dos montes do arredor e o chan degradado e totalmente espido, froito dos incendios que ano tras ano arrasaron esta zona.

De Castro Leboreiro partimos cara Lobios, sede e centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, polo camiño Tito, gran coñecedor destas terras, íanos contando historias da raia seca e facéndonos partícipes de cada recuncho que el tan ben coñece. Xa en Lobios recibiunos un axente forestal que explicou de xeito moi ameno o quefacer diario dos axentes forestais no parque, as relacións que manteñen cos poboadores desta zona e as colaboracións que realizan co Parque Nacional da Peneda-Gerês (o parque portugués e o galego forman un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa).
O xantar fixémolo nas augas termais do río Caldo. Iso si que é vida!!

Despois do relax da comida, esperábanos unha ruta pola mata da Albergaría, as plantas tiñan os gromos a rebentar ou xa no seu esplendor e foi realmente agradable ir parando en cada unha delas, observándoas e fixándose neses pequenos detalles de xeito pausado, esta é unha zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea, polo que atopamos bastante diversidade. Agora os rezagados eramos tres, pois Carlos, atento ao que íamos vendo buscaba a fórmula para aprenderse o nome das especies sen esquecelas. A auga cristalina e fresca do río Limia e dos regatos aparecía e desaparecía no percorrido, na solana do monte as alvarizas lembrábanos o importante que é aquí o mel, descubrimos especies alóctonas e moitas cousas máis. Viñemos máis doutos e máis distendidos, pagou a pena. O regreso á casa fixose curto conversando con Paula.


Información do parque aqui

23 abr 2010

HORA DE LER

Hoxe no centro empezou a dedicarse unha hora de lectura á semana nos cursos de ESO. Son eses intentos que facemos os profes por fomentar a lectura, para que gocedes dos momentos de lecer fronte un libro e por un tempo nos traslademos a outro lugar, outro pensamento,......e nos fagan reflexionar. En ciclos, non temos hora de ler fixa a semana; pero por iso non imos deixar de ler. Non é así?

"Oak, vivencias de un agente forestal"
é un libro moi entretido e lese de camiño, pois engancha. Trátase das vivencias dun axente forestal, coñecido polo pseudónimo de Oak (Quercus robur en inglés) na provincia de Cáceres. Son relatos curtos onde nos conta anécdotas reais da súa profesión, algunhas son ata surrealistas, outras cómicas, outras dramáticas; pero todas emocionantes e co telón de fondo da natureza.

Este libro o podes atopar na Biblioteca (que dende o temporal o préstamo funciona no salón de actos). Ídesvos pelexar por el!!!!!!

21 abr 2010

ADIVIÑA esta ESPECIE

Xa podedes ir á páxina web a descargar as especies para produción de madeira que faltaban. Podes ir máis rápido por aquí.

Esta semana pode que alguén estea de sorte, pois o primeiro que adiviñe de que especie se trata o libero de unha pregunta na próxima proba sobre especies frondosas. A que el elixa!!!!!


Tic-tac, tic-tac,.....o tempo empeza a contar XA! e tedes de prazo ata o venres día 23 de abril.
Só conta as respostas feitas nos comentarios do blog, pois así non temos dúbidas de datas nin de horas.
Estou pensando que me pode sair unha proba moi difíííííííííííícil................................

14 abr 2010

RÍO FURNIA

O outro día Carlos comentou que o Furnia estaba catalogado coma o río máis limpo de Galicia, pois é certo, segundo estudos e análise feitos pola Universidade de Vigo e publicado no xornal
faro de Vigo.
Ademais creouse o Comité de Defensa do Río da Furnia, ante a inminente obra de instalación dunha minidepuradora.
O Furnia que pasaba ignorado pola xente allea ao concello de Tomiño ten agora unha placa na estrada Tui-A Guarda (Amorín) coa indicación da súa localización e conta cunha aula de natureza, ademais dun sendeiro con paneis informativos da flora da zona.
Xa temos outro lugar moi pretiño para gozar, cos seus muíños, coa súa flora, coa súa auga, co seu silencio,......

25 mar 2010

COLOCACIÓN MALLA ANTIHERBAS

Nos últimos anos vense realizando unha actividade conxunta entre alumnado de 1º e 2º de forestais. Este ano tocoulle á renovación da malla antiherbas do invernadoiro pequeno, e así quedou.

13 mar 2010

NOVA ESPECIE DE COGOMELO EN TOMIÑO

O Sparassis miniensis, recollido en bosques de Pinus pinaster en Galicia descríbese coma unha nova especie, baseándose en datos morfolóxicos e moleculares.

O autor do descubrimento que é membro do grupo micolóxico galego, Xaime Blanco Dios, recolleu esta nova especie en montes do concello de Tomiño. O Sparassis miniensis (miniensis fai referencia ao río Miño) é morfolóxicamente distinto do resto das especies do xénero Sparassis, por presentar a ramificación dos lóbulos decaidos. Os datos moleculares de ADN tamén confirman a súa singularidade.

7 mar 2010

REINICIO ACTIVIDADES LECTIVAS

Co visto bo da Unidade Técnica da Consellería, o IES de Tomiño reinicia as actividades lectivas normais o luns 8 de marzo ás 9:00h

2 mar 2010

DE NOVO SEN CLASE

Comunicado do Equipo directivo do IES de Tomiño: "Por orde da Unidade Técnica suspénedense indefinidamente os cursos convocados de Ciclos, PCPI e 2º de Bacharelato no IES de Tomiño ata nova orde. O edificio non presenta as condicións de seguridade mínimas para as actividades lectivas.

Polo tanto, non hai nungún curso con actividades lectivas neste momento."

MÉRCORES, DÍA 3, VOLTAMOS A CLASE

O Equipo Directivo do centro informa: "Reanúdanse as actividades lectivas de 2º de Bacharelato, Ciclos formativos de Electrónica e Forestais e PCPI (Programa de Cualificación Profesional) a partir do mércores 3 de marzo".

28 feb 2010

MAÑÁ NON HAI CLASE

Pois si o Xynthia, en Tomiño causou estragos, parece ser que a cuberta do IES non quedou ben parada.

Non quero nin pensar coma estará o invernadoiro!!!!!!

Temos que ir pensando que tipo de plástico iria ben para o noso. Admítense propostas.

27 feb 2010

CANTEIRAS EN CARNOTA

A ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Consellaría de Medio Ambiente en 2007, que pretendía a ampliar o LIC Carnota-Monte Pindo en máis de 230.000 Ha, pode ser que non se leve a cabo. A nova xunta quere dar o visto bo a unha ampliación da canteira "Costa Grande 2" estendendo o impacto paisaxístico dende Muros-Noia á enseada de Carnota e ría de Corcubión, sendo visíbel dende Fisterra. Unha das paisaxes máis representativas do país, dominada polo macizo do Pindo, verase irremediabelmente estragada nun ano. Todos os montes entre Muros e Carnota son un excepcional xacemento de petróglifos, a maioría sen catalogar. Na asociación ADEGA, podes informarte máis diso.

20 feb 2010

ASTILLADORA DE TAMBOR

O outro día tivemos o pracer de que Juan un dos socios da empresa BIOforga viñese a traballar preto do noso centro. Nun descanso tivo a ben de explicarnos o funcionamento da astilladora de tambor e o destino do produto astillado, que neste caso era para unha central de biomasa xeradora de electricidade.



A astilladora semimóbil, con motor diesel, modelo Jem HEM 561 é un equipo de gran dimensión con rodas, desprazada ás explotacións para realizalo astillado no campo. Pode procesar gran cantidade de biomasa en pouco tempo, ata 100.000 kg/h de árbores enteiros, polas, etc.



En Finlandia o 50% das súas necesidades de calefacción cóbrese con enerxía procedente da biomasa forestal.

Calefacción de distrito en Rovaniemi(Finlandia)

8 feb 2010

A PANTERA ROSA - AXENTE FORESTAL

Para os que pensen que esta profesión é un camiño de rosas, eiqui vos deixo coa pantera rosa nun duro día de traballo.

31 ene 2010

VISITA á AULA DE NATUREZA e VIVEIRO FORESTAL de AREAS

O pasado 28 de xaneiro o alumnado do Ciclo Medio de Forestais e os do PCPI fixemos unha visita a aula de natureza do viveiro de Areas, a antiga casa que ata fai uns poucos anos estaba habitaba por un axente forestal, agora esta reconvertida nun aula de natureza. Nesta tarefa acompañounos o axente forestal Manuel. Logo saímos ao exterior para velo viveiro e disfrutar das explicacións e enerxía do axente forestal Antonio, amigo noso e gran colaborador do ciclo dende fai uns anos.

19 ene 2010

PAXARIÑOS POR EIQUI

O mundo das aves é apaixonante. Iste mes é un dos mellores do ano para observar paxaros. O Esteiro do Miño é o lugar axeitado para iniciarse no mundo das aves, pois eiqui habitan anátidas, limícolas e outras especies fáciles de identificar dende os observatorios de aves que se atopan na desembocadura do Miño.

A asociación naturalista Anabam, situada en A Guarda, encargase entre outras actividades, de facer saídas para observar e censar aves. Asociarse ao grupo pode axudarnos e facilitar a identificación destes cantores do lusco e o fusco.

O equipo necesario para a identificación de especies son: uns prismáticos, unha boa guía de paxaros e por suposto ter interese e gañas de disfrutar dun día na natureza. Hai xente que tamén di que se necesita moita paciencia.
Na elección de prismáticos é interesante saber que veñen marcados por un número, seguido do signo X e outro número. O primeiro número refírese ao aumento, é dicir, o número de veces que se aumenta a imaxe; o segundo é o tamaño do obxetivo en mm, é dicir, a apertura que nos indica a cantidade de luz que entra nos prismáticos. Unha boa luz fai que vexamos as cores e detalles máis claramente.
Para a observación xeral de aves, os aumentos recomendables son 7x , 8x e 9x e a apertura de 40 e 50 mm. Podes ter máis información aquí

3 ene 2010

DIVERSIDADE BIOLÓXICA

O ano 2010 foi declarado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, como o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, debido á alarmante perda de biodiversidade que sofre o noso planeta.A biodiversidade é a resultante da diversidade biolóxica e dos ecosistemas existentes nunha determinada zona.
Hai unha interdependencia moi estreita entre os seres vivos e o seu hábitat, polo tanto, se as especies están adaptadas a un medio e éste o modificamos, os seres vivos que viven nese medio non son quen de adaptarse en tan pouco tempo ás novas condicións e ... desaparecen. A perda da biodiversidade pode carrexar a nosa desaparición como especie.


A rede Natura 2000 é unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas. É o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea.