5 oct 2011

TROCO DE SEMENTES

Neste encontro impartirase unha charla sobor "Extratexias legais das administracións para o control das sementes labregas" por parte de CARMEN FREIRE (Labrega e Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)

Para máis información
http://redegalegadesementes.wordpress.com/

Os agricultores, tradicionalmente, non diferenciaban o grao da semente, pois o que se colectaba unha parte se destinaba a gardalo como alimento e outra parte (polo xeral os graos de mellor aspecto) gardábanse para sementalos ao ano seguinte, eran sementes que o propio agricultor ía seleccionando, mellorando a especie ou variedade, ademais favorecíase a adaptación aos diferentes medios. O intercambio de sementes era habitual polo que a economía non se resentía nese aspecto.

Agora as tornas son outras, cada vez somos máis dependentes das multinacionais en canto sementes, se necesitamos sementar calquera das hortalizas ou legumes que habitualmente comemos nas nosas casas imos á tenda e alí eliximos tal ou cal variedade, isto é debido a que o comercio de sementes foi regulado por diferentes normativas de sementes, reservando así o mercado ás grandes empresas.

Estas corporacións exercen unha labor de persuasión sobre a administración establecendo limitacións na produción de sementes a través dos sistemas de protección de melloras vexetais e a lei de patentes. Deste xeito obtense especies nun principio máis produtivas ou máis resistentes ás pragas ou enfermidades; pero máis vulnerables aos cambios, máis dependentes de fitosanitarios ademais de minguar a diversidade xenética e polo tanto á diversidade de alimentos, que levou tantos anos de selección natural!!!!

Con isto perdemos os recursos naturais e os labregos son os grandes prexudicados. É o noso deber revalorizar os coñecementos tradicionais en canto conservación e intercambio de sementes e fomentar a reprodución de sementes para cultivo ecolóxico e iso....depende de ti e de min.

17 sept 2011

INICIO CURSO

Xa estamos de volta, mañá venres, día 23 de setembro ás 12 da mañá realizarase a presentación do Ciclo Medio de Traballos Forestais e Conservación do medio natural e o luns empezaremos coas clases.

Pois nada máis a empezar con ganas este novo curso e para ir facendo boca déixovos cunha foto de Carex remota.

7 jun 2011

A SACA DA CORTIZA

O Quercus suber, é unha especie de crecemento lento, sen embargo, é unha especie interesante a nivel de produción forestal, xa que ofrece a súa cortiza en quendas de aproximadamente 10 anos nas zonas de Extremadura, Cataluña e Andalucía.

A sobreira chega á idade adulta aos 25 anos, tempo en que se lle arrinca a súa pel adolescente, rugosa, percorrida por gretas e irregular, nun proceso coñecido como Descortizado ou A saca da cortiza.

Eiqui podedes ver uns vídeos do Descortizado ou Saca de cortiza.

A codia da Sobreira pode chegar a medir ata 25 cm. Tamén existe maquinaria apropiada para ese proceso; pero non é tan recomendable, xa que o método tradicional segue a ser máis rápido e limpo. Ao final sempre hai que votar man da machada.

Déixovos con esta marabillosa reportaxe de fotografías de José Angel Vidal

10 may 2011

INTERPRETANDO MAPAS

Un alumno comentou que isto dos mapas non era para el, eu penso que todo aquilo que non se coñece provoca certo receo. O Club excursionista Acivro, ten un artigo onde podedes atopar unha explicación sinxela e amena da interpretación dos mapas e de conceptos que estivemos vendo na aula.

Non estaría de máis que lle votarades unha ollada, seguro que vos engancha, a información que aportan é moi fácil de comprender.

Recomendo tamén o libro Lectura de Planos (manual de topografía e orientación para excursionistas), de Luis Gilpérez Fraile, o libro está orientado para que os amantes da montaña podan interpretar un mapa e orientarse correctamente no monte, ademais no manual propoñen unha serie de exercicios para resolver e ir comprobando a asimilación dos conceptos básicos.

24 abr 2011

SEQUEIRO DE CARBALLO

O único lugar de Galicia onde podemos atopar unhas instalacións para o tratamento de sementes atópase en Carballo, nun centro xestionado pola Consellería do medio rural.

No sequeiro de Carballo, podemos ver as operacións que realizan unha vez feita a recolección dos froitos das diferentes especies forestais: extracción semente, limpeza, clasificado e almacenado de semente para a posterior utilización, así como as ferramentas e máquinas empregadas neste proceso.

As principais especies coas que traballan son o Pinus pinaster e o P. radiata, inda que tamén traballan con sementes de especies autóctonas (bidueiros, ameneiros, carballos, sobreiras, capudres, freixos, érbedos...Aquí tedes unha mostra do que alí vimos na saída realizada ao final do primeiro trimestre.



No blogue do IES de Arzúa teñen dúas presentacións do centro SEMFOR, realizada por alumnado dese centro que ben merece lle votedes unha ollada:

Sequeiro Semfor de Carballo,
Traballo centro Semfor

5 abr 2011

O PAPEL DO EUCALIPTO

No programa El Escarabajo verde realizaron unha reportaxe sobre o Eucaliptus globulus, árbore moi coñecido por nós, inda que o programa foi realizado en Huelva somos capaces de abstraernos e contextualizalo na nosa terra.

O papel do eucalipto

Aqui coma ali teñen unha fábrica para a produción de pasta de celulosa. En Huelva, existen miles de hectáreas destinadas ao cultivo do eucalipto, pero algunhas estan localizadas en espazos protexidos e desprazan, á flora e á fauna autóctona.

23 mar 2011

ADIVIÑANZA

Recoñecer as plantas polas follas é unha tarefa interesante e a que, habitualmente empregamos para a identificación.

Algunhas das que mostro teñen unha cor de outono, haber que tal rastreadores sodes.

17 mar 2011

AGRICULTURA ECOLÓXICA

O outro día presentábamos o vídeo A nova aldea, onde falaban agricultores ecolóxicos da súa experiencia.

Hoxe preséntovos o blogue de Pilar e Eloi Agricultores ecolóxicos que saian nese vídeo e agora teñen un espazo para irnos contando as cousas que van acontecendo pola súa empresa.

9 mar 2011

HORA DO PLANETA 2011

Ás veces non podemos velas estrelas, e non é porque non haxa suficientes, nin porque o ceo estea con neboeiro, sinxelamente é pola cantidade de luces que temos acesas pola noite. Nas cidades cegamos con tanta luminescencia, é realmente necesario todo este gasto enerxético?

Hai xestos, como o aforro de enerxía, que son importantes. O próximo sábado 26 de marzo, ás 20:30 milleiros de persoas de todo o mundo unirémonos nun xesto simbólico: apagar a luz durante unha hora. Será unha forma de demostrar aos gobernos que temos un compromiso a favor do medio ambiente.

Únete á hora do planeta

Este será un xesto; pero sería marabilloso se o convertemos en algo cotiá e tódolos días nos lembramos de apagar esa luz que non fai falla, ou ter regretas con interruptores para desconectar os aparellos cando non os empregamos, ou empregar bombillas de baixo consumo, ou........e así poderemos velas estrelas e quizais algunha desas fugaces nos conceda algún desexo.

WWF tamén organizou a primeira edición do concurso Músicos polo Planeta e parece ser que foi un éxito. As cancións tiñan un denominador común: o coidado da natureza. WWF elixiu como canción gañadora "La Tierra no nos pertenece" do grupo Os Sundayers. Déixovos con eles:


25 feb 2011

A SERRA DO GALIÑEIRO

A Serra do Galiñeiro é nosa e cando digo nosa é porque é de todos nós e todos podemos gozar dela, tamén todos temos a obriga moral de defendela.

O pasado domingo fíxose unha marcha para protestar, xa que coma moi ben sabedes, quérennos colocar uns eólicos no seu cumio. A pesar de facer moi mal tempo, o pobo deixou presente o seu malestar indo a escalar ao seu cumio. Por un día o Galiñeiro foi unha festa, o monte encheuse do colorido dos paraugas e chuvasqueiros, foron nen@s , vell@s, ciclistas e xente a cabalo,....as súas faldas foron docemente arroupadas para poder protexelas dunhas cabezas pouco pensantes e sen escrúpulos.

Neste enlace: Galiñeiro, podedes ver unhas fotos marabillosas dese día, feitas por Ignacio Oliveira.

O Galiñeiro posúe un encanto natural e é un referente para os vigueses e a súa comarca, ademais nas súas rochas están gravadas as pegadas dos nosos antergos. Estamos tan tolos que todo iso prima máis cuns megavatios de enerxía?

As protestas continúan, en Baiona este venres van facer uns concertos solidarios, neste cartel tedes as distintas actividades que organizan.

Déixovos con este informe sobre a Serra do Galiñeiro.