Mostrando entradas con la etiqueta saídas didácticas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta saídas didácticas. Mostrar todas las entradas

24 abr 2011

SEQUEIRO DE CARBALLO

O único lugar de Galicia onde podemos atopar unhas instalacións para o tratamento de sementes atópase en Carballo, nun centro xestionado pola Consellería do medio rural.

No sequeiro de Carballo, podemos ver as operacións que realizan unha vez feita a recolección dos froitos das diferentes especies forestais: extracción semente, limpeza, clasificado e almacenado de semente para a posterior utilización, así como as ferramentas e máquinas empregadas neste proceso.

As principais especies coas que traballan son o Pinus pinaster e o P. radiata, inda que tamén traballan con sementes de especies autóctonas (bidueiros, ameneiros, carballos, sobreiras, capudres, freixos, érbedos...Aquí tedes unha mostra do que alí vimos na saída realizada ao final do primeiro trimestre.



No blogue do IES de Arzúa teñen dúas presentacións do centro SEMFOR, realizada por alumnado dese centro que ben merece lle votedes unha ollada:

Sequeiro Semfor de Carballo,
Traballo centro Semfor

26 ene 2011

ESTEIRO DO MIÑO con ANABAM

Hoxe fixo un día de sol, destes días fermosos de inverno, onde a luz é máis clara e o sol penetra nas entrañas para darte enerxía.

Hoxe fomos a ver paxaros e vaia se vimos uns cantos.
Acompañounos Agustín de Anabam, que de xeito moi didáctico dounos varios consellos para diferenciar anátidas, limícolas, zancudas e outras aves costeiras e con eses telescopios tan marabillosos que teñen as vimos á perfección. Tamén organizou un concurso entre os de primeiro e segundo de forestais, penso que houbo empate, non si? As profas estamos moi agradecidas por este día.

E para lembrar unha mostra do que vimos na aula que teñen na Escola da pasaxe, preto o ferri e os paxaros do Esteiro. Inda que as fotos non saíron moi ben.

9 dic 2010

ITINERARIOS ECOLÓXICOS do CUVI (II)

O ano pasado fumos visitar os Itinerarios ecolóxicos do Cuvi, podes ver a saída aquí.

Este ano repetimos a saída dos itinerarios, aínda que tivemos mellor tempo, o tempo non dou para moito. Podes completar a visita con esta guía da natureza que ofrece a Oficina da Medio Ambiente da Universidade de Vigo.

3 nov 2010

RECOLECCIÓN e EXPOSICIÓN de COGOMELOS

Despois duns días de choiva escampou e non podemos ter un día mellor que este. Os piñeirais e as brañas de Pinzás ofreceron o resto.

...e coma tódolos anos J.Luis Pérez Roman tróuxonos cogomelos de Celanova. Aquí tedes a exposición:

Os de 1º estan co cultivo de Pleurotus ostreatus, que xa comentamos neste mesmo blog o ano pasado. Para velo pincha aquí.

19 oct 2010

MONTE ALOIA

É a primeira saída deste curso e penso que gustou. A verdade é que tivemos un tempo estupendo e no monte Aloia sempre somos ben recibidos, o cal agradécese. Ademais tivemos un colega do CIFP A Granxa, Marcos, que aportou os seus coñecementos á saída.

Sorprendeume gratamente que os de primeiro xa recoñecían e rumoreaban nomes científicos de plantas, fentos e cogomelos. As fotos non son moi boas; pero valen para darnos unha idea.

2 oct 2010

FRAGAS DO EUME

Os de 1º do ano pasado, se curraron a venda de planta que produciron e con eses cartiños se pasaron dous días nas fragas do Eume. Cónstame que o pasaron moi ben pois as anécdotas da saída son moitas (por certo xa me explicaron de primeira man o da serpe con as), ademais de gozar dun parque natural descoñecido para a xente do Sur.

Juanjo envioume as fotos que fixo da saída e aí as tedes para lembrar. Os deste ano tamén o podedes conseguir, só o tedes que traballar.

Para saber máis das fragas do Eume:
www.viveaonatural.xunta.es
http://gl.wikipedia.org/wiki/Fragas_do_Eume
www.eumeturismo.org
Fragas do Eume kaiak

24 may 2010

VISITA aos ITINERARIOS ECOLÓXICOS do CUVI

Desta vez non fixo tan bo tempo e algúns pasaron frío e se mollaron; pero iso non foi culpa dos profes que avisamos de tódolos xeitos: que se chuvasqueiro, que se paraugas, que se botas de monte, que....ao final eu penso que o que queredes é endurecer o corpo para cando sexades forestais.

Así é todo, a visita foi moi proveitosa, paseamos por distintos hábitats: mato, devesa, carballeira, sobreiral, acuático e de ribeira e puidemos observar a flora característica de cada hábitat.


Vexetación de mato: Erica umbellata, Halimium alyssoides, Ulex europaeus, Ulex minor...
Devesa(bosques naturais da montaña de Galicia): Betula alba, Sorbus aucuparia...
Carballeira: Quercus robur, Betula alba, Pyrus cordata, Crataegus monogyna...
Sobreiral: Quercus suber, Arbutus unedo...
Ribeira: Alnus glutinosa, Fraxinus excelsior, Corylus avellana, Salix atrocinerea...

Quen me pode dicir en que foto está a Andoriña?

28 abr 2010

VISITA AO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

O Gerês acolleunos nun día de sol, nun día verdadeiramente primaveral. O primeiro en recibirnos nada máis chegar a Castro Laboreiro foi un mastín, o mastín de Castro Laboreiro, co seu mirar afable dounos a benvida (os portugueses sonche moi hospitalarios), e despois de saborear un pingo partimos cara o castelo, a subida foi nun abrir e pechar de ollos, os rapaces tiñan coma meta o cumio, inda que eu e Juanjo retrasámonos un pouquiño, as metas estaban cada tres pasos que dábamos, había moitas plantiñas en flor: Phalacrocarpum oppositifolium, Erica arborea, Lithodora prostata, Narcissus triandrus, Narcissus bulboccodium, Pterospartum tridentatum, Quercus pyrenaica ......... Dende o castelo puidemos observar os bolos graníticos dos montes do arredor e o chan degradado e totalmente espido, froito dos incendios que ano tras ano arrasaron esta zona.

De Castro Leboreiro partimos cara Lobios, sede e centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, polo camiño Tito, gran coñecedor destas terras, íanos contando historias da raia seca e facéndonos partícipes de cada recuncho que el tan ben coñece. Xa en Lobios recibiunos un axente forestal que explicou de xeito moi ameno o quefacer diario dos axentes forestais no parque, as relacións que manteñen cos poboadores desta zona e as colaboracións que realizan co Parque Nacional da Peneda-Gerês (o parque portugués e o galego forman un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa).
O xantar fixémolo nas augas termais do río Caldo. Iso si que é vida!!

Despois do relax da comida, esperábanos unha ruta pola mata da Albergaría, as plantas tiñan os gromos a rebentar ou xa no seu esplendor e foi realmente agradable ir parando en cada unha delas, observándoas e fixándose neses pequenos detalles de xeito pausado, esta é unha zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea, polo que atopamos bastante diversidade. Agora os rezagados eramos tres, pois Carlos, atento ao que íamos vendo buscaba a fórmula para aprenderse o nome das especies sen esquecelas. A auga cristalina e fresca do río Limia e dos regatos aparecía e desaparecía no percorrido, na solana do monte as alvarizas lembrábanos o importante que é aquí o mel, descubrimos especies alóctonas e moitas cousas máis. Viñemos máis doutos e máis distendidos, pagou a pena. O regreso á casa fixose curto conversando con Paula.


Información do parque aqui

31 ene 2010

VISITA á AULA DE NATUREZA e VIVEIRO FORESTAL de AREAS

O pasado 28 de xaneiro o alumnado do Ciclo Medio de Forestais e os do PCPI fixemos unha visita a aula de natureza do viveiro de Areas, a antiga casa que ata fai uns poucos anos estaba habitaba por un axente forestal, agora esta reconvertida nun aula de natureza. Nesta tarefa acompañounos o axente forestal Manuel. Logo saímos ao exterior para velo viveiro e disfrutar das explicacións e enerxía do axente forestal Antonio, amigo noso e gran colaborador do ciclo dende fai uns anos.