Mostrando entradas con la etiqueta defensa do medio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta defensa do medio. Mostrar todas las entradas

5 oct 2011

TROCO DE SEMENTES

Neste encontro impartirase unha charla sobor "Extratexias legais das administracións para o control das sementes labregas" por parte de CARMEN FREIRE (Labrega e Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)

Para máis información
http://redegalegadesementes.wordpress.com/

Os agricultores, tradicionalmente, non diferenciaban o grao da semente, pois o que se colectaba unha parte se destinaba a gardalo como alimento e outra parte (polo xeral os graos de mellor aspecto) gardábanse para sementalos ao ano seguinte, eran sementes que o propio agricultor ía seleccionando, mellorando a especie ou variedade, ademais favorecíase a adaptación aos diferentes medios. O intercambio de sementes era habitual polo que a economía non se resentía nese aspecto.

Agora as tornas son outras, cada vez somos máis dependentes das multinacionais en canto sementes, se necesitamos sementar calquera das hortalizas ou legumes que habitualmente comemos nas nosas casas imos á tenda e alí eliximos tal ou cal variedade, isto é debido a que o comercio de sementes foi regulado por diferentes normativas de sementes, reservando así o mercado ás grandes empresas.

Estas corporacións exercen unha labor de persuasión sobre a administración establecendo limitacións na produción de sementes a través dos sistemas de protección de melloras vexetais e a lei de patentes. Deste xeito obtense especies nun principio máis produtivas ou máis resistentes ás pragas ou enfermidades; pero máis vulnerables aos cambios, máis dependentes de fitosanitarios ademais de minguar a diversidade xenética e polo tanto á diversidade de alimentos, que levou tantos anos de selección natural!!!!

Con isto perdemos os recursos naturais e os labregos son os grandes prexudicados. É o noso deber revalorizar os coñecementos tradicionais en canto conservación e intercambio de sementes e fomentar a reprodución de sementes para cultivo ecolóxico e iso....depende de ti e de min.

17 mar 2011

AGRICULTURA ECOLÓXICA

O outro día presentábamos o vídeo A nova aldea, onde falaban agricultores ecolóxicos da súa experiencia.

Hoxe preséntovos o blogue de Pilar e Eloi Agricultores ecolóxicos que saian nese vídeo e agora teñen un espazo para irnos contando as cousas que van acontecendo pola súa empresa.

9 mar 2011

HORA DO PLANETA 2011

Ás veces non podemos velas estrelas, e non é porque non haxa suficientes, nin porque o ceo estea con neboeiro, sinxelamente é pola cantidade de luces que temos acesas pola noite. Nas cidades cegamos con tanta luminescencia, é realmente necesario todo este gasto enerxético?

Hai xestos, como o aforro de enerxía, que son importantes. O próximo sábado 26 de marzo, ás 20:30 milleiros de persoas de todo o mundo unirémonos nun xesto simbólico: apagar a luz durante unha hora. Será unha forma de demostrar aos gobernos que temos un compromiso a favor do medio ambiente.

Únete á hora do planeta

Este será un xesto; pero sería marabilloso se o convertemos en algo cotiá e tódolos días nos lembramos de apagar esa luz que non fai falla, ou ter regretas con interruptores para desconectar os aparellos cando non os empregamos, ou empregar bombillas de baixo consumo, ou........e así poderemos velas estrelas e quizais algunha desas fugaces nos conceda algún desexo.

WWF tamén organizou a primeira edición do concurso Músicos polo Planeta e parece ser que foi un éxito. As cancións tiñan un denominador común: o coidado da natureza. WWF elixiu como canción gañadora "La Tierra no nos pertenece" do grupo Os Sundayers. Déixovos con eles:


16 feb 2011

PLANTANDO ÁRBORES

Hoxe quero presentarvos o blog dunha colega de profesión e amiga, que anda por outras terras; pero facendo máis ou menos o mesmo que no Baixo Miño.

O blog é Plantando árbores, e é moi interesante. Agora mesmo acabo de ver unha reportaxe titulada A NOVA ALDEA, onde fala da vida dunhas cantas persoas que decidiron gañarse e vivir a vida no campo en consonancia coa natureza, e vaia se viven ben. Que envexa me dan!!!

Unha curiosidade Eloi (o que sae ao principio da reportaxe) é o irmá de Tito (profesor neste centro dende que empezou o ciclo ata o ano pasado), dende aquí mándoche saúdos, contamos contigo para que nos veñas a falar das abellas.

31 ene 2011

ANO INTERNACIONAL dos BOSQUES

Este ano nos blogs: O Papasol e O Toxo verde, ámbolos dous do IES de Tomiño, lembrábannos que o 2011 é o Ano Internacional dos Bosques. As dúas blogueiras fixeron moi ben en lembrárnolo e vós o alumnado de forestais, tedes que ser moi conscientes do que iso significa.

O ano internacional dos bosques, ten que ir máis alá dunha mera celebración, a protección dos bosques ten que ser un estilo ou unha filosofía de vida para vós, non o podedes illar dos estudos que agora estades a facer. Tedes que ser o exemplo a seguir e sentirvos orgullosos diso.

No monte, que a CMVMC de Tomiño nos cedeu para a súa ordenación, tedes un exemplo moi claro do que significa para moita xente o monte: un vertedoiro, o lugar onde cada quen pode tirar o que se lle antolle pois a nai natureza todo o envolve, camufla e fai que desapareza, e ... en certo modo é así, tan sabia é, que intenta desintegrar todo o que a ela chega e facer materia orgánica con iso; pero non da a basto, é moito o que lle botamos e coma cada vez esta todo máis contaminado e hai máis incendios, vai diminuíndo a diversidade e cando non hai biodiversidade tampouco haberá microorganismos que descompoñan os nosos refugallos. Todo está enlazado.


Cando vos mando limpar o monte no que estamos a traballar, non é un castigo, xa sei que vós non emporcades. O tedes que ver coma un elemento discordante que convén eliminar.

Tamén o 2011, a partir de agosto, é o ano internacional da xuventude, así que xuventude o monte está ahí para vós e vós tedes que estar para el.

25 nov 2010

RÍO FURNIA (II)

Preséntovos a aula de natureza aberta do río Furnia, que foi inagurada o ano pasado coma xa vimos neste blog, a verdade está moi ben, é recomendable. Queda aí ao ladiño e ten, coma podedes ver nas seguintes fotos, comentarios interesantes sobre as plantas. O paseo polo río é do máis relaxante.

8 nov 2010

TEIXEDAL de CASAIO

O TEIXEDAL de CASAIO, esta na provincia de Ourense, preto do Barco de Valdeorras (Carballeda de Valdeorras) perdido e case ancorado no pasado, de feito é un bosque relicto da época terciaria.

No teixedal atópanse uns catrocentos pés de Teixo(Taxus baccata), de case 500 anos de idade, xunto con outras especies de Rebolos, Acivros, Freixos, Ameneiros, Capudres,... en poucos sitios de Europa podemos atopar algo semellante; sen embargo non ten as suficientes figuras de protección. Só mencionan Pena Trevinca coma ZEPVN, podemos supoñer que entra no paquete o Teixedal; pero evitan nomealo, só pola súa singularidade podería ser Monumento natural, tesouro coma este non é fácil de atopar. Será, por casualidade que están as minas de lousa xa moi preto del?

O Teixedal de Casaio está ameazado, a pesares de estar nun recuncho case perdido, as canteiras de lousa vótanse enrriba del, é deprimente sentir tanta beleza rodeada do cascallo das canteiras.
A lousa empregase, principalmente, como material para cubrir os teitos das casas, é unha rocha de gran moi fino e cor negro azulado. O que non se pode permitir é esta explotación salvaxe e facer un dano que sería irreparable.

A película Pradolongo, que moitos de vós xa coñeceredes, fala entre outras cousas da problemática das canteiras.A planta do Teixo é tóxica e segundo conta algúns historiadores, os galaicos ante a invasión das tropas romanas e para evitar renderse preferiron suicidarse colectivamente no monte Medulio engulindo o veleno extraído do teixo.

21 oct 2010

O HOME QUE PLANTABA ÁRBORES

Aínda que facía tempo que lera este conto, tiñao esquecido na memoria e unha amiga lembroumo. O home que plantaba árbores é un conto escrito polo francés Jean Giono no 1953. Trátase dunha fermosa historia sobre o coidado do medio ambiente e sobre como un só home pode lograr cambiar, con moito traballo e moita paciencia, toda unha paixase.

Aquí podedes ler o conto e algo sobre a orixe do mesmo.

18 oct 2010

VIVIR PARA VER

A Xunta de Galicia cambiou un catálogo de árbores xa impreso, por estar prologado por un alto cargo do bipartito.

Fonte da nova eiqui

O peor de todo isto xa non é o despilfarro de cartos senón as árbores taladas que irán parar ao lixo, porque tres verbas con un nome e dous apelidos non son os axeitados.

e para recrear a vista:

3 oct 2010

I CONCURSO de FOTOGRAFÍA DIXITAL MADEIRA XUSTA

A campaña Madeira Xusta puxo en marcha o "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA", no que a súa temática xeral son os bosques e o sector da madeira, e en particular aspectos relacionados co desenvolvemento sostible, a biodiversidade ou o impacto ambiental. Os participantes, profesionais ou afeccionados á fotografía, poderán presentar os seus traballos ata o próximo 20 de outubro.

Os participantes poderán presentar ata un máximo de tres imaxes, en cor ou branco e negro, en formato dixital JPG, cunha resolución mínima de 300pp e un peso máximo por arquivo de 3MB. As fotografías deberán enviarse exclusivamente por correo electrónico á dirección info@maderajusta.org indicando no asunto "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA".

As obras seleccionadas serán expostas o próximo mes de novembro en Biocultura 2010, a feira nacional máis importante de produtos ecolóxicos e consumo responsable. Ademais, o autor da mellor fotografía recibirá como premio unha cesta con derivados forestais con certificado FSC e de Comercio Xusto.

Bases completas eiqui

2 oct 2010

FRAGAS DO EUME

Os de 1º do ano pasado, se curraron a venda de planta que produciron e con eses cartiños se pasaron dous días nas fragas do Eume. Cónstame que o pasaron moi ben pois as anécdotas da saída son moitas (por certo xa me explicaron de primeira man o da serpe con as), ademais de gozar dun parque natural descoñecido para a xente do Sur.

Juanjo envioume as fotos que fixo da saída e aí as tedes para lembrar. Os deste ano tamén o podedes conseguir, só o tedes que traballar.

Para saber máis das fragas do Eume:
www.viveaonatural.xunta.es
http://gl.wikipedia.org/wiki/Fragas_do_Eume
www.eumeturismo.org
Fragas do Eume kaiak

14 ago 2010

DÚAS PERSOAS VALENTES

Hoxe estamos de loito, Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo González, dúas persoas valentes, deixaron as súas vidas defendendo o noso monte e defendendo a vida e propiedades de persoas.
Seguimos tendo persoas valentes que fan feitos heroicos; pero tamén segue a haber covardes que se dedican a incendiar o monte e agocharse,... eses non dan a cara.
Para os valentes e os familiares deles as miñas condolencias, estades no noso corazón.

18 jun 2010

CONSECUENCIAS DA DEFORESTACIÓN DOS BOSQUES

Non chegamos a isto; pero a este paso todo se andará, por un lado a tala indiscriminada e por outro a queima ano tras ano dos nosos bosques, así acabaremos por deforestar os escasos bosques que van quedando.

A Selva Amazónica, o pulmón verde como se "chamaba", tamén sofre as consecuencias da deforestación coa súa teima de aumentar a produción agrícola arrasan os bosques, quedando desprotexidos e ao mercé da erosión.

Nós para evitar que iso ocorra, por cada árbore que se tale en aproveitamentos forestais, plantaremos dúas.

15 jun 2010

PARA LER NO VERÁN

Aínda que os títulos xa volos din na aula, era para lembrarvos que son libros moi recomendables para ler no verán. Axudan a entender o por qué do cambio da natureza galega en poucos anos.

"As bioinvasións na Galiza" de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández, fala das especies que colonizaron a Galiza e as consecuencias negativas que supoñen no ecosistema galego.
"Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza" de Xurxo Pérez Pintos, fala do deterioro da natureza galega debido a políticas depredadoras e estratexias que antepoñen valores e réditos económicos ante o noso ecosistema.

Pensaredes que son libros pesimistas, en realidade o son; pero é o xeito de darlle unha explicación ás agresións que vemos nos montes galegos e poder actuar aínda que só sexa a nivel particular. Cada libro custa arredor dos 10 €.

Claro que esa realidade a tedes que coñecer pateando moito monte e en distintos lugares de Galicia, e iso tamén se pode facer no verán.

2 jun 2010

PINO MANSO de AREAS

O enxeñeiro forestal Rafael Areses publicou no 1918 a “Relación das árbores notables existentes na provincia de Pontevedra”, sete foron as árbores que compuxeron esa selección: tres Sobreiras, a de Ascensión (Salceda de Caselas), de Gallobre e de Arnois (as dúas na Estrada). Dous Carballos o de Santa Margarida (Pontevedra) e de Matalobos (a Estrada). O Loureiro de Soutomaior. E o Pino manso de Areas (Tomiño).

O Pino manso de Areas desapareceu por razóns incomprensibles, a pesar de ser unha das árbores máis sobresaíntes de Galicia. Tratábase dun exemplar de propiedade particular; pero Areses logrou que fose adquirido polo Estado, para salvalo dunha corta segura. A pesar de todo non conseguiu evitar a súa desaparición.


No traballo sobre os mellores exemplares de árbores galegas: “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia”, cunha recompilación de 344 exemplares, realizado polos profesores Carlos Rodríguez Dacal e Xesús Izco pon de manifesto a necesidade e importancia da conservación deste patrimonio natural e nalgúns casos ata histórico, para evitar a súa perda ou deterioro, como pasou co Pino manso, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

No 2007 publicouse o DECRETO 67/2007, do CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, no que se establecen as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección e ademais regulan o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

Para recrear a vista déixovos con este enlace de: Superárbores do mundo

3 ene 2010

DIVERSIDADE BIOLÓXICA

O ano 2010 foi declarado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, como o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, debido á alarmante perda de biodiversidade que sofre o noso planeta.A biodiversidade é a resultante da diversidade biolóxica e dos ecosistemas existentes nunha determinada zona.
Hai unha interdependencia moi estreita entre os seres vivos e o seu hábitat, polo tanto, se as especies están adaptadas a un medio e éste o modificamos, os seres vivos que viven nese medio non son quen de adaptarse en tan pouco tempo ás novas condicións e ... desaparecen. A perda da biodiversidade pode carrexar a nosa desaparición como especie.


A rede Natura 2000 é unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas. É o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea.