18 oct 2010

VIVIR PARA VER

A Xunta de Galicia cambiou un catálogo de árbores xa impreso, por estar prologado por un alto cargo do bipartito.

Fonte da nova eiqui

O peor de todo isto xa non é o despilfarro de cartos senón as árbores taladas que irán parar ao lixo, porque tres verbas con un nome e dous apelidos non son os axeitados.

e para recrear a vista:

3 oct 2010

I CONCURSO de FOTOGRAFÍA DIXITAL MADEIRA XUSTA

A campaña Madeira Xusta puxo en marcha o "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA", no que a súa temática xeral son os bosques e o sector da madeira, e en particular aspectos relacionados co desenvolvemento sostible, a biodiversidade ou o impacto ambiental. Os participantes, profesionais ou afeccionados á fotografía, poderán presentar os seus traballos ata o próximo 20 de outubro.

Os participantes poderán presentar ata un máximo de tres imaxes, en cor ou branco e negro, en formato dixital JPG, cunha resolución mínima de 300pp e un peso máximo por arquivo de 3MB. As fotografías deberán enviarse exclusivamente por correo electrónico á dirección info@maderajusta.org indicando no asunto "I Concurso de Fotografía Dixital MADEIRA XUSTA".

As obras seleccionadas serán expostas o próximo mes de novembro en Biocultura 2010, a feira nacional máis importante de produtos ecolóxicos e consumo responsable. Ademais, o autor da mellor fotografía recibirá como premio unha cesta con derivados forestais con certificado FSC e de Comercio Xusto.

Bases completas eiqui

2 oct 2010

FRAGAS DO EUME

Os de 1º do ano pasado, se curraron a venda de planta que produciron e con eses cartiños se pasaron dous días nas fragas do Eume. Cónstame que o pasaron moi ben pois as anécdotas da saída son moitas (por certo xa me explicaron de primeira man o da serpe con as), ademais de gozar dun parque natural descoñecido para a xente do Sur.

Juanjo envioume as fotos que fixo da saída e aí as tedes para lembrar. Os deste ano tamén o podedes conseguir, só o tedes que traballar.

Para saber máis das fragas do Eume:
www.viveaonatural.xunta.es
http://gl.wikipedia.org/wiki/Fragas_do_Eume
www.eumeturismo.org
Fragas do Eume kaiak

16 sept 2010

PRESENTACIÓN CURSO

A presentación do curso deste ano ao final queda para o día 24 de setembro de 11 a 12 horas.

9 sept 2010

INICIO CURSO 2010-2011
















O verán xa está a piques de rematar, de feito o inicio do curso está previsto preto do Equinoccio de outono. O día 21 de setembro voltamos ás aulas. Supoño que estaredes con moitas gañas de traballar, de estudar, de comentar as vosas experiencias do verán e por suposto de empezar o curso con moita enerxía, dentro de pouco xa estaremos ás voltas cos cogomelos e saboreando o outono.

Estade de tódolos xeitos atentos, pois sempre pode haber cambios de última hora.

14 ago 2010

DÚAS PERSOAS VALENTES

Hoxe estamos de loito, Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo González, dúas persoas valentes, deixaron as súas vidas defendendo o noso monte e defendendo a vida e propiedades de persoas.
Seguimos tendo persoas valentes que fan feitos heroicos; pero tamén segue a haber covardes que se dedican a incendiar o monte e agocharse,... eses non dan a cara.
Para os valentes e os familiares deles as miñas condolencias, estades no noso corazón.

11 ago 2010

PEDRAS

Todas teñen vida, están aí, vendo pasar o tempo, parecen quedas e inmóbiles; pero senten o noso paso e nós sentimos que nos observan, que estamos ligados a elas, teñen algo especial....
Como dixo Jose Curt, no seu libro, Más allá de la corredoira: "hay cosas que nunca lograremos entender, quizás porque somos duros como las rocas"

18 jun 2010

CONSECUENCIAS DA DEFORESTACIÓN DOS BOSQUES

Non chegamos a isto; pero a este paso todo se andará, por un lado a tala indiscriminada e por outro a queima ano tras ano dos nosos bosques, así acabaremos por deforestar os escasos bosques que van quedando.

A Selva Amazónica, o pulmón verde como se "chamaba", tamén sofre as consecuencias da deforestación coa súa teima de aumentar a produción agrícola arrasan os bosques, quedando desprotexidos e ao mercé da erosión.

Nós para evitar que iso ocorra, por cada árbore que se tale en aproveitamentos forestais, plantaremos dúas.

15 jun 2010

PARA LER NO VERÁN

Aínda que os títulos xa volos din na aula, era para lembrarvos que son libros moi recomendables para ler no verán. Axudan a entender o por qué do cambio da natureza galega en poucos anos.

"As bioinvasións na Galiza" de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández, fala das especies que colonizaron a Galiza e as consecuencias negativas que supoñen no ecosistema galego.
"Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza" de Xurxo Pérez Pintos, fala do deterioro da natureza galega debido a políticas depredadoras e estratexias que antepoñen valores e réditos económicos ante o noso ecosistema.

Pensaredes que son libros pesimistas, en realidade o son; pero é o xeito de darlle unha explicación ás agresións que vemos nos montes galegos e poder actuar aínda que só sexa a nivel particular. Cada libro custa arredor dos 10 €.

Claro que esa realidade a tedes que coñecer pateando moito monte e en distintos lugares de Galicia, e iso tamén se pode facer no verán.

2 jun 2010

PINO MANSO de AREAS

O enxeñeiro forestal Rafael Areses publicou no 1918 a “Relación das árbores notables existentes na provincia de Pontevedra”, sete foron as árbores que compuxeron esa selección: tres Sobreiras, a de Ascensión (Salceda de Caselas), de Gallobre e de Arnois (as dúas na Estrada). Dous Carballos o de Santa Margarida (Pontevedra) e de Matalobos (a Estrada). O Loureiro de Soutomaior. E o Pino manso de Areas (Tomiño).

O Pino manso de Areas desapareceu por razóns incomprensibles, a pesar de ser unha das árbores máis sobresaíntes de Galicia. Tratábase dun exemplar de propiedade particular; pero Areses logrou que fose adquirido polo Estado, para salvalo dunha corta segura. A pesar de todo non conseguiu evitar a súa desaparición.


No traballo sobre os mellores exemplares de árbores galegas: “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia”, cunha recompilación de 344 exemplares, realizado polos profesores Carlos Rodríguez Dacal e Xesús Izco pon de manifesto a necesidade e importancia da conservación deste patrimonio natural e nalgúns casos ata histórico, para evitar a súa perda ou deterioro, como pasou co Pino manso, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

No 2007 publicouse o DECRETO 67/2007, do CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, no que se establecen as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección e ademais regulan o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

Para recrear a vista déixovos con este enlace de: Superárbores do mundo