Non chegamos a isto; pero a este paso todo se andará, por un lado a tala indiscriminada e por outro a queima ano tras ano dos nosos bosques, así acabaremos por deforestar os escasos bosques que van quedando.
A Selva Amazónica, o pulmón verde como se "chamaba", tamén sofre as consecuencias da deforestación coa súa teima de aumentar a produción agrícola arrasan os bosques, quedando desprotexidos e ao mercé da erosión.
Nós para evitar que iso ocorra, por cada árbore que se tale en aproveitamentos forestais, plantaremos dúas.
Aínda que os títulos xa volos din na aula, era para lembrarvos que son libros moi recomendables para ler no verán. Axudan a entender o por qué do cambio da natureza galega en poucos anos.
"As bioinvasións na Galiza" de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández, fala das especies que colonizaron a Galiza e as consecuencias negativas que supoñen no ecosistema galego.
"Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza" de Xurxo Pérez Pintos, fala do deterioro da natureza galega debido a políticas depredadoras e estratexias que antepoñen valores e réditos económicos ante o noso ecosistema.
Pensaredes que son libros pesimistas, en realidade o son; pero é o xeito de darlle unha explicación ás agresións que vemos nos montes galegos e poder actuar aínda que só sexa a nivel particular. Cada libro custa arredor dos 10 €.
Claro que esa realidade a tedes que coñecer pateando moito monte e en distintos lugares de Galicia, e iso tamén se pode facer no verán.
O enxeñeiro forestal Rafael Areses publicou no 1918 a “Relación das árbores notables existentes na provincia de Pontevedra”, sete foron as árbores que compuxeron esa selección: tres Sobreiras, a de Ascensión (Salceda de Caselas), de Gallobre e de Arnois (as dúas na Estrada). Dous Carballos o de Santa Margarida (Pontevedra) e de Matalobos (a Estrada). O Loureiro de Soutomaior. E o Pino manso de Areas (Tomiño).
O Pino manso de Areas desapareceu por razóns incomprensibles, a pesar de ser unha das árbores máis sobresaíntes de Galicia. Tratábase dun exemplar de propiedade particular; pero Areses logrou que fose adquirido polo Estado, para salvalo dunha corta segura. A pesar de todo non conseguiu evitar a súa desaparición.
No traballo sobre os mellores exemplares de árbores galegas: “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia”, cunha recompilación de 344 exemplares, realizado polos profesores Carlos Rodríguez Dacal e Xesús Izco pon de manifesto a necesidade e importancia da conservación deste patrimonio natural e nalgúns casos ata histórico, para evitar a súa perda ou deterioro, como pasou co Pino manso, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.
No 2007 publicouse oDECRETO 67/2007, do CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, no que se establecen as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección e ademais regulan o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.
O curioso deste chuvasqueiro é que leva incorporadas sementes da flora mediterránea, entón unha vez que remata a súa vida útil ou se te esqueces del no monte esas sementes chegarían a xerminar, xa que están dentro dunha boliña de “Nendo Dango” técnica do “revolucionario de la brizna de paja” de Masanobu Fukuoka, que levan as sementes nunhas boliñas de arxila e ademais levan nutrientes e as protexen de ser comidas polos paxaros antes de xermolar.
Este invento, da consultora verde G4E!, que se adican ao ecodeseño, fabrica os chuvasqueiros en Ourense e presentou este proxecto nunha Feira Internacional de China da pequena e mediana Empresa (Cismef). O prezo é un pouco caro, 15 €, pero con elo estas contribuíndo a conservar a natureza.
Desta vez non fixo tan bo tempo e algúns pasaron frío e se mollaron; pero iso non foi culpa dos profes que avisamos de tódolos xeitos: que se chuvasqueiro, que se paraugas, que se botas de monte, que....ao final eu penso que o que queredes é endurecer o corpo para cando sexades forestais.
Así é todo, a visita foi moi proveitosa, paseamos por distintos hábitats: mato, devesa, carballeira, sobreiral, acuático e de ribeira e puidemos observar a flora característica de cada hábitat.
No Seaga xa se abriu o prazo para seleccionar persoal temporal, para os que xa teñades o título podedes optar polas categorías de capataz e xefe de brigada.
Saíu no DOG do 28 de abril do 2010, o seguinte anuncio: Anuncio do 27 de abril de 2010 polo que se fai pública a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a incorporación ás listas previas de persoal temporal da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), nas categorías profesionais de enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico forestal, enxeñeiro técnico agrícola, capataz, xefe de brigada, peón especialista, peón, oficial administrativo e auxiliar administrativo.
Para máis información, na páxina web de Seaga www.epseaga.com
O Gerês acolleunos nun día de sol, nun día verdadeiramente primaveral. O primeiro en recibirnos nada máis chegar a Castro Laboreiro foi un mastín, o mastín de Castro Laboreiro, co seu mirar afable dounos a benvida (os portugueses sonche moi hospitalarios), e despois de saborear un pingo partimos cara o castelo, a subida foi nun abrir e pechar de ollos, os rapaces tiñan coma meta o cumio, inda que eu e Juanjo retrasámonos un pouquiño, as metas estaban cada tres pasos que dábamos, había moitas plantiñas en flor: Phalacrocarpum oppositifolium,Erica arborea, Lithodora prostata, Narcissus triandrus, Narcissus bulboccodium, Pterospartum tridentatum, Quercus pyrenaica ......... Dende o castelo puidemos observar os bolos graníticos dos montes do arredor e o chan degradado e totalmente espido, froito dos incendios que ano tras ano arrasaron esta zona.
De Castro Leboreiro partimos cara Lobios, sede e centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, polo camiño Tito, gran coñecedor destas terras, íanos contando historias da raia seca e facéndonos partícipes de cada recuncho que el tan ben coñece. Xa en Lobios recibiunos un axente forestal que explicou de xeito moi ameno o quefacer diario dos axentes forestais no parque, as relacións que manteñen cos poboadores desta zona e as colaboracións que realizan co Parque Nacional da Peneda-Gerês (o parque portugués e o galego forman un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa).
O xantar fixémolo nas augas termais do río Caldo. Iso si que é vida!!
Despois do relax da comida, esperábanos unha ruta pola mata da Albergaría, as plantas tiñan os gromos a rebentar ou xa no seu esplendor e foi realmente agradable ir parando en cada unha delas, observándoas e fixándose neses pequenos detalles de xeito pausado, esta é unha zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea, polo que atopamos bastante diversidade. Agora os rezagados eramos tres, pois Carlos, atento ao que íamos vendo buscaba a fórmula para aprenderse o nome das especies sen esquecelas. A auga cristalina e fresca do río Limia e dos regatos aparecía e desaparecía no percorrido, na solana do monte as alvarizas lembrábanos o importante que é aquí o mel, descubrimos especies alóctonas e moitas cousas máis. Viñemos máis doutos e máis distendidos, pagou a pena. O regreso á casa fixose curto conversando con Paula.