7 mar 2010

REINICIO ACTIVIDADES LECTIVAS

Co visto bo da Unidade Técnica da Consellería, o IES de Tomiño reinicia as actividades lectivas normais o luns 8 de marzo ás 9:00h

2 mar 2010

DE NOVO SEN CLASE

Comunicado do Equipo directivo do IES de Tomiño: "Por orde da Unidade Técnica suspénedense indefinidamente os cursos convocados de Ciclos, PCPI e 2º de Bacharelato no IES de Tomiño ata nova orde. O edificio non presenta as condicións de seguridade mínimas para as actividades lectivas.

Polo tanto, non hai nungún curso con actividades lectivas neste momento."

MÉRCORES, DÍA 3, VOLTAMOS A CLASE

O Equipo Directivo do centro informa: "Reanúdanse as actividades lectivas de 2º de Bacharelato, Ciclos formativos de Electrónica e Forestais e PCPI (Programa de Cualificación Profesional) a partir do mércores 3 de marzo".

28 feb 2010

MAÑÁ NON HAI CLASE

Pois si o Xynthia, en Tomiño causou estragos, parece ser que a cuberta do IES non quedou ben parada.

Non quero nin pensar coma estará o invernadoiro!!!!!!

Temos que ir pensando que tipo de plástico iria ben para o noso. Admítense propostas.

27 feb 2010

CANTEIRAS EN CARNOTA

A ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Consellaría de Medio Ambiente en 2007, que pretendía a ampliar o LIC Carnota-Monte Pindo en máis de 230.000 Ha, pode ser que non se leve a cabo. A nova xunta quere dar o visto bo a unha ampliación da canteira "Costa Grande 2" estendendo o impacto paisaxístico dende Muros-Noia á enseada de Carnota e ría de Corcubión, sendo visíbel dende Fisterra. Unha das paisaxes máis representativas do país, dominada polo macizo do Pindo, verase irremediabelmente estragada nun ano. Todos os montes entre Muros e Carnota son un excepcional xacemento de petróglifos, a maioría sen catalogar. Na asociación ADEGA, podes informarte máis diso.

20 feb 2010

ASTILLADORA DE TAMBOR

O outro día tivemos o pracer de que Juan un dos socios da empresa BIOforga viñese a traballar preto do noso centro. Nun descanso tivo a ben de explicarnos o funcionamento da astilladora de tambor e o destino do produto astillado, que neste caso era para unha central de biomasa xeradora de electricidade.



A astilladora semimóbil, con motor diesel, modelo Jem HEM 561 é un equipo de gran dimensión con rodas, desprazada ás explotacións para realizalo astillado no campo. Pode procesar gran cantidade de biomasa en pouco tempo, ata 100.000 kg/h de árbores enteiros, polas, etc.



En Finlandia o 50% das súas necesidades de calefacción cóbrese con enerxía procedente da biomasa forestal.

Calefacción de distrito en Rovaniemi(Finlandia)

8 feb 2010

A PANTERA ROSA - AXENTE FORESTAL

Para os que pensen que esta profesión é un camiño de rosas, eiqui vos deixo coa pantera rosa nun duro día de traballo.

31 ene 2010

VISITA á AULA DE NATUREZA e VIVEIRO FORESTAL de AREAS

O pasado 28 de xaneiro o alumnado do Ciclo Medio de Forestais e os do PCPI fixemos unha visita a aula de natureza do viveiro de Areas, a antiga casa que ata fai uns poucos anos estaba habitaba por un axente forestal, agora esta reconvertida nun aula de natureza. Nesta tarefa acompañounos o axente forestal Manuel. Logo saímos ao exterior para velo viveiro e disfrutar das explicacións e enerxía do axente forestal Antonio, amigo noso e gran colaborador do ciclo dende fai uns anos.

19 ene 2010

PAXARIÑOS POR EIQUI

O mundo das aves é apaixonante. Iste mes é un dos mellores do ano para observar paxaros. O Esteiro do Miño é o lugar axeitado para iniciarse no mundo das aves, pois eiqui habitan anátidas, limícolas e outras especies fáciles de identificar dende os observatorios de aves que se atopan na desembocadura do Miño.

A asociación naturalista Anabam, situada en A Guarda, encargase entre outras actividades, de facer saídas para observar e censar aves. Asociarse ao grupo pode axudarnos e facilitar a identificación destes cantores do lusco e o fusco.

O equipo necesario para a identificación de especies son: uns prismáticos, unha boa guía de paxaros e por suposto ter interese e gañas de disfrutar dun día na natureza. Hai xente que tamén di que se necesita moita paciencia.
Na elección de prismáticos é interesante saber que veñen marcados por un número, seguido do signo X e outro número. O primeiro número refírese ao aumento, é dicir, o número de veces que se aumenta a imaxe; o segundo é o tamaño do obxetivo en mm, é dicir, a apertura que nos indica a cantidade de luz que entra nos prismáticos. Unha boa luz fai que vexamos as cores e detalles máis claramente.
Para a observación xeral de aves, os aumentos recomendables son 7x , 8x e 9x e a apertura de 40 e 50 mm. Podes ter máis información aquí

3 ene 2010

DIVERSIDADE BIOLÓXICA

O ano 2010 foi declarado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, como o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, debido á alarmante perda de biodiversidade que sofre o noso planeta.A biodiversidade é a resultante da diversidade biolóxica e dos ecosistemas existentes nunha determinada zona.
Hai unha interdependencia moi estreita entre os seres vivos e o seu hábitat, polo tanto, se as especies están adaptadas a un medio e éste o modificamos, os seres vivos que viven nese medio non son quen de adaptarse en tan pouco tempo ás novas condicións e ... desaparecen. A perda da biodiversidade pode carrexar a nosa desaparición como especie.


A rede Natura 2000 é unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas. É o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea.