24 mar 2013

CEA FIN DE CURSO

 
 Ben, aquí estamos, xa rematando e comezando unha nova andaina. Deséxovos moita sorte a todos, en tódolos aspectos.

13 mar 2013

ÁRBORES SENLLEIRAS

Durante esta semana e a próxima teremos exposta a exposición sobre "ÁRBORES SENLLEIRAS" no noso centro.
Hoxe estiveron impartindo unha charla sobre este tema tan marabilloso e aproximándonos ao mundo das árbores senlleiras. Se queredes máis información podes mergullarte eiquí.
 
Dita exposición foi realizada por: BEGOÑA DÁVILA Ex alumna CM Traballos Forestais Conservación do Medio Natural do IES de Tomiño e ANDRÉS POSE Profesor e Coordinador do EDLG do CIFP A Granxa.

O grupo ecoloxista ANABAM tamén está traballando neste tema e na súa páxina fan referencia a árbores extraordinarios da nosa contorna.

5 mar 2013

ASTILLADORA FORESTAL

Alumnado probando a astilladora forestal
Estamos de estreno, probando a astilladora. A idea é que os restos de poda e desrrame das árbores apeadas se incorporen máis rapidamente ao solo, reducindo así o tamaño da materia para a producción de  biomasa forestal.
 
No mercado podemos atopar astilladoras e trituradoras. Dependendo do material que teñamos e o uso que se vaia dar á biomasa obtida empregaremos unha ou outra.

TRITURADORAS: Trátase de máquinas deseñadas para reducir o tamaño de materiais non moi duros, aos que atacan por impacto de pezas metálicas, a miúdo móbiles (martelos ou dentes articulados).
Teñen maior tolerancia que as astilladoras a materiais sucios, con area ou pequenas pedras e o mantemento é menor que nas astilladoras.

Como inconveniente o material producido non é apto para o seu consumo directo en determinadas caldeiras de combustión. Ademais os consumos e os custes destas máquinas son maiores.

ASTILLADORAS: Son máquinas que están deseñadas para o ataque de materiais brandos, xeralmente árbores reducindo o tamaño das partículas mediante un mecanismo de corte con coitelas. As coitelas móntanse sobre elementos rotatorios que xiran a velocidades altas.
As astilladoras proporcionan a máxima calidade de astilla, sen embargo teñen pouca tolerancia á presenza de pedras na biomasa tratada, as avarías por mor diso poden ser moi graves.

As astilladoras poden ser de disco ou de tambor. Para un aproveitamento industrial, con maior capacidade e rendemento empréganse as de tambor.
 

7 dic 2012

CURSO de CESTERÍA


Este ano en Tomiño introducímonos no mundo da cestería,...e foi fantástico. Estivemos da man da mestra cesteira Chus Barreiro, que tivo a valentía de ensinar a un grupo de 35 persoas a tecer cestos. 

O noso tecido foi o vimbio, produto obtido do Salix sp. (Salgueiro), que posúe lixeireza, unha boa flexibilidade e robustez, polo que é un bo material para a realización de cestos. As especies de Salgueiros empregadas en cestería son moitas: Salix viminalis, Salix fragilis, Salix salvifolia, Salix alba,...
Inda que aquí en Galicia, empréganse materiais  moi diversos, dereitos e sen nós, como: castiñeiro, carballo, sanguiño, cerdeira, xesta, silva, codeso, colmo (palla de centeo, avea ou trigo), xuncos, follas de millo...

Salix atrocinerea
Moitos están empezando a crear pola súa conta e teñen xeito, neste blog de Carlos Fontales podedes recoller ideas e tomar notas de cursos que se veñen dando por aí adiante. Aquí  podedes quitar ideas e os cesteiros do Eume tamén nos contan algo sobre este oficio.

Móstranse unhas fotos do evento:




6 nov 2012

VISITA Á COMUNIDADE DE MONTES DE LANTAÑO E AO TECOR DE PORTAS

Empezamos o curso cunha saída polas terras do Salnés, alí percorrimos baixo sol e chuvia os montes da CMVMC de Lantaño, o noso guía foi Xabier, presidente da comunidade e amigo. Aprendeumos o funcionamento das comunidades e a importancia de participar nelas, ademais de darnos bos consellos para ser uns forestais cun código ético e sostible co entorno.

Pola tarde visitamos o espazo adaptado para a cría de coellos que posúe o tecor de Portas, neste caso o presidente Manuel explicounos a dificultade para introducir e asentar a poboación de coello en Galicia. Despois agasallounos con camisetas e gravou unha entrevista para a radio. María Jose (profesora do módulo de aproveitamentos cinexéticos) e alumnos do ciclo, mostraron as súas habilidades radiofónicas.

22 jun 2012

AXUDAS OBTENCIÓN DO PERMISO DE CONDUCIR CLASE B

AXUDAS PARA FACILITAR A OBTENCIÓN DO PERMISO DE CONDUCIÓN CLASE B (Orde do 4 de maio de 2012, DOG 91 de 14 de maio de 2012) http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120514/AnuncioCA05-090512-0001_gl.pdf

30 abr 2012

PROBA DE ACCESO CICLO SUPERIOR

Xúntanse as listaxes provisorias das cualificacións obtidas nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior. Listaxes provisorias das cualificacións obtidas nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior

16 feb 2012

ADMITIDOS PROBA ACCESO C.S.

Xa sairon as listas provisorias de admitidos nas probas de acceso a ciclos de grado superior.

Para quen queira ver o listaxe ir a este enlace

14 feb 2012

VISU

Despois dun tempo con blog parado, volvemos, e para elo prepareivos un visu. Así estrullades a cabeza un anaquiño. Como sempre hai recompensa.

Mike Oldfield - Tubullar Bells








4 dic 2011

CONCURSO FOTOGRÁFICO: ÁRBORES, PATRIMONIO VIVO

Para os fotógrafos e os que aínda non saben que o son, saíu un concurso de fotografía onde as protagonistas son as árbores.

O concurso de fotografía está convocado pola Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, co apoio do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC) e a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

TEMA: O tema do certame son as árbores (exemplares illados ou conxuntos boscosos) que posúan un valor especial, entendendo este criterio como:

- árbores singulares polas súas características biolóxicas (grosor, altura, estado de saúde, rareza,…), pola súa situación ou enclave en condicións extremas, etc.

- árbores que poidan ter un valor relacionado con feitos históricos, tradicións populares, ritos, romarías, lendas ou simplemente anécdotas persoais.

As fotografías deberán ir acompañadas dun texto breve alusivo á imaxe. Crearase un Premio Especial Educabarrie (outorgado pola Fundación Barrié) para aquelas composicións (imaxe + texto) que sexan exemplo de respecto e convivencia entre humanos e árbores. O xurado deste premio será o público que poderá votar nesta categoría a través del Facebook.

Para saber máis: www.arbolespatrimoniovivo.es

Non vos durmades o prazo remata o 21 de decembro.

5 oct 2011

TROCO DE SEMENTES

Neste encontro impartirase unha charla sobor "Extratexias legais das administracións para o control das sementes labregas" por parte de CARMEN FREIRE (Labrega e Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)

Para máis información
http://redegalegadesementes.wordpress.com/

Os agricultores, tradicionalmente, non diferenciaban o grao da semente, pois o que se colectaba unha parte se destinaba a gardalo como alimento e outra parte (polo xeral os graos de mellor aspecto) gardábanse para sementalos ao ano seguinte, eran sementes que o propio agricultor ía seleccionando, mellorando a especie ou variedade, ademais favorecíase a adaptación aos diferentes medios. O intercambio de sementes era habitual polo que a economía non se resentía nese aspecto.

Agora as tornas son outras, cada vez somos máis dependentes das multinacionais en canto sementes, se necesitamos sementar calquera das hortalizas ou legumes que habitualmente comemos nas nosas casas imos á tenda e alí eliximos tal ou cal variedade, isto é debido a que o comercio de sementes foi regulado por diferentes normativas de sementes, reservando así o mercado ás grandes empresas.

Estas corporacións exercen unha labor de persuasión sobre a administración establecendo limitacións na produción de sementes a través dos sistemas de protección de melloras vexetais e a lei de patentes. Deste xeito obtense especies nun principio máis produtivas ou máis resistentes ás pragas ou enfermidades; pero máis vulnerables aos cambios, máis dependentes de fitosanitarios ademais de minguar a diversidade xenética e polo tanto á diversidade de alimentos, que levou tantos anos de selección natural!!!!

Con isto perdemos os recursos naturais e os labregos son os grandes prexudicados. É o noso deber revalorizar os coñecementos tradicionais en canto conservación e intercambio de sementes e fomentar a reprodución de sementes para cultivo ecolóxico e iso....depende de ti e de min.

17 sept 2011

INICIO CURSO

Xa estamos de volta, mañá venres, día 23 de setembro ás 12 da mañá realizarase a presentación do Ciclo Medio de Traballos Forestais e Conservación do medio natural e o luns empezaremos coas clases.

Pois nada máis a empezar con ganas este novo curso e para ir facendo boca déixovos cunha foto de Carex remota.

7 jun 2011

A SACA DA CORTIZA

O Quercus suber, é unha especie de crecemento lento, sen embargo, é unha especie interesante a nivel de produción forestal, xa que ofrece a súa cortiza en quendas de aproximadamente 10 anos nas zonas de Extremadura, Cataluña e Andalucía.

A sobreira chega á idade adulta aos 25 anos, tempo en que se lle arrinca a súa pel adolescente, rugosa, percorrida por gretas e irregular, nun proceso coñecido como Descortizado ou A saca da cortiza.

Eiqui podedes ver uns vídeos do Descortizado ou Saca de cortiza.

A codia da Sobreira pode chegar a medir ata 25 cm. Tamén existe maquinaria apropiada para ese proceso; pero non é tan recomendable, xa que o método tradicional segue a ser máis rápido e limpo. Ao final sempre hai que votar man da machada.

Déixovos con esta marabillosa reportaxe de fotografías de José Angel Vidal

10 may 2011

INTERPRETANDO MAPAS

Un alumno comentou que isto dos mapas non era para el, eu penso que todo aquilo que non se coñece provoca certo receo. O Club excursionista Acivro, ten un artigo onde podedes atopar unha explicación sinxela e amena da interpretación dos mapas e de conceptos que estivemos vendo na aula.

Non estaría de máis que lle votarades unha ollada, seguro que vos engancha, a información que aportan é moi fácil de comprender.

Recomendo tamén o libro Lectura de Planos (manual de topografía e orientación para excursionistas), de Luis Gilpérez Fraile, o libro está orientado para que os amantes da montaña podan interpretar un mapa e orientarse correctamente no monte, ademais no manual propoñen unha serie de exercicios para resolver e ir comprobando a asimilación dos conceptos básicos.

24 abr 2011

SEQUEIRO DE CARBALLO

O único lugar de Galicia onde podemos atopar unhas instalacións para o tratamento de sementes atópase en Carballo, nun centro xestionado pola Consellería do medio rural.

No sequeiro de Carballo, podemos ver as operacións que realizan unha vez feita a recolección dos froitos das diferentes especies forestais: extracción semente, limpeza, clasificado e almacenado de semente para a posterior utilización, así como as ferramentas e máquinas empregadas neste proceso.

As principais especies coas que traballan son o Pinus pinaster e o P. radiata, inda que tamén traballan con sementes de especies autóctonas (bidueiros, ameneiros, carballos, sobreiras, capudres, freixos, érbedos...Aquí tedes unha mostra do que alí vimos na saída realizada ao final do primeiro trimestre.



No blogue do IES de Arzúa teñen dúas presentacións do centro SEMFOR, realizada por alumnado dese centro que ben merece lle votedes unha ollada:

Sequeiro Semfor de Carballo,
Traballo centro Semfor

5 abr 2011

O PAPEL DO EUCALIPTO

No programa El Escarabajo verde realizaron unha reportaxe sobre o Eucaliptus globulus, árbore moi coñecido por nós, inda que o programa foi realizado en Huelva somos capaces de abstraernos e contextualizalo na nosa terra.

O papel do eucalipto

Aqui coma ali teñen unha fábrica para a produción de pasta de celulosa. En Huelva, existen miles de hectáreas destinadas ao cultivo do eucalipto, pero algunhas estan localizadas en espazos protexidos e desprazan, á flora e á fauna autóctona.

23 mar 2011

ADIVIÑANZA

Recoñecer as plantas polas follas é unha tarefa interesante e a que, habitualmente empregamos para a identificación.

Algunhas das que mostro teñen unha cor de outono, haber que tal rastreadores sodes.

17 mar 2011

AGRICULTURA ECOLÓXICA

O outro día presentábamos o vídeo A nova aldea, onde falaban agricultores ecolóxicos da súa experiencia.

Hoxe preséntovos o blogue de Pilar e Eloi Agricultores ecolóxicos que saian nese vídeo e agora teñen un espazo para irnos contando as cousas que van acontecendo pola súa empresa.

9 mar 2011

HORA DO PLANETA 2011

Ás veces non podemos velas estrelas, e non é porque non haxa suficientes, nin porque o ceo estea con neboeiro, sinxelamente é pola cantidade de luces que temos acesas pola noite. Nas cidades cegamos con tanta luminescencia, é realmente necesario todo este gasto enerxético?

Hai xestos, como o aforro de enerxía, que son importantes. O próximo sábado 26 de marzo, ás 20:30 milleiros de persoas de todo o mundo unirémonos nun xesto simbólico: apagar a luz durante unha hora. Será unha forma de demostrar aos gobernos que temos un compromiso a favor do medio ambiente.

Únete á hora do planeta

Este será un xesto; pero sería marabilloso se o convertemos en algo cotiá e tódolos días nos lembramos de apagar esa luz que non fai falla, ou ter regretas con interruptores para desconectar os aparellos cando non os empregamos, ou empregar bombillas de baixo consumo, ou........e así poderemos velas estrelas e quizais algunha desas fugaces nos conceda algún desexo.

WWF tamén organizou a primeira edición do concurso Músicos polo Planeta e parece ser que foi un éxito. As cancións tiñan un denominador común: o coidado da natureza. WWF elixiu como canción gañadora "La Tierra no nos pertenece" do grupo Os Sundayers. Déixovos con eles:


25 feb 2011

A SERRA DO GALIÑEIRO

A Serra do Galiñeiro é nosa e cando digo nosa é porque é de todos nós e todos podemos gozar dela, tamén todos temos a obriga moral de defendela.

O pasado domingo fíxose unha marcha para protestar, xa que coma moi ben sabedes, quérennos colocar uns eólicos no seu cumio. A pesar de facer moi mal tempo, o pobo deixou presente o seu malestar indo a escalar ao seu cumio. Por un día o Galiñeiro foi unha festa, o monte encheuse do colorido dos paraugas e chuvasqueiros, foron nen@s , vell@s, ciclistas e xente a cabalo,....as súas faldas foron docemente arroupadas para poder protexelas dunhas cabezas pouco pensantes e sen escrúpulos.

Neste enlace: Galiñeiro, podedes ver unhas fotos marabillosas dese día, feitas por Ignacio Oliveira.

O Galiñeiro posúe un encanto natural e é un referente para os vigueses e a súa comarca, ademais nas súas rochas están gravadas as pegadas dos nosos antergos. Estamos tan tolos que todo iso prima máis cuns megavatios de enerxía?

As protestas continúan, en Baiona este venres van facer uns concertos solidarios, neste cartel tedes as distintas actividades que organizan.

Déixovos con este informe sobre a Serra do Galiñeiro.